Discurso de fin de ano do Presidente da Xunta de Galiza

Feijóo di que o independentismo (catalán) "atentou contra o noso Estatuto de Autonomía"

"Existe un modelo galego de convivencia que adopta diferentes formas, pero que sempre se fundamenta na cohesión. Ese modelo permítenos hoxe figurar entre as comunidades que saen da crise sen roturas e sen divisións", dixo Alberto Núñez Feijóo no discurso de fin de ano do Presidente da Xunta de Galiza, emitido este mediodía pola TVG e gravado na sala do Museo do Mar que acolle o Pergamiño Vindel, en Vigo.

Núñez Feijóo, nunha imaxe do discurso difundida pola Xunta de Galiza
photo_camera Núñez Feijóo, nunha imaxe do discurso difundida pola Xunta de Galiza.

De pé, con traxe azul escuro, garabata azul mariño, diante dunha pintura do mar de Vigo, e canas non disimuladas, Feijóo apareceu na TVG á hora do xantar para explicar ao país que é o país e como debe comportarse e o ben que lle irá ao país se segue comportándose como el di. 

"Ningunha solución é boa se non está reforzada por unha auténtica comunidade de afectos. Galiza acerta cando se afasta de ideas que noutros territorios provocaron cismas e desconfianza", arrancou Feijóo que continúa á procura de lares (este ano as Cantigas de Amigo, hai un ano o pai Miño) nos que asentar esa realidade que debuxa a comunicación política do Partido Popular, tres lexislaturas xa dirixindo o país baixo o timón de Feijóo. 

"A nosa economía medra porque aumenta a confianza. A débeda e o déficit públicos redúcense porque empresas, particulares e administracións teñen un superavit de responsabilidade", sostén o presidente mirando á cámara pola que cada día, cada xantar, se filtran as mesmas cosignas en moitas casas do país que vai indo por onde o dirixe Feijóo.

A comunicación política do PP en Galiza consiste ultimamente en apropiarse de palabras e propostas, abrigalas coa voz nasal do presidente e soltalas todas xuntas como quen escribe unha carta aos reis (magos) o último día do ano esforzándose por demostrar que foi un bo alumno e repetindo os títulos da lección sen terse preocupado de ler o que sigue...  Feijóo presumiu dos datos de visitas turísticas ("históricos", segundo remarcou), de contas "saneadas" que fan posíbel, segundo argumentou, "ter o noso autogoberno intacto", seguir "baixando impostos", "modernizar a educación e a sanidade", "prestar maior atención a maiores e dependentes", etcétera... 

Alberto di "afouteza" con febleza administrativa, e di "irmandade" desde a distancia e a frialdade. E cando di que "o desemprego segue provocándonos desacougo pero diminúe porque os investidores apostan por Galiza e non foxen", ou cando di que "o noso idioma conquista parcelas porque fixemos del unha ferramenta de comunicación cordial e integradora" expresase nese ton feble, frío e administrativo.

O modelo galego

O último achado dos comunicadores do PP é o "modelo galego", que se supón que é algo por oposición, o contrario de outros (posibelmente existentes, ameazas implícitas). Neste discurso de fin de ano, o presidente da Xunta insistiu moito no concepto:

"Existe un modelo galego de convivencia que adopta diferentes formas, pero que sempre se fundamenta na cohesión. Ese modelo permítenos hoxe figurar entre as comunidades que saen da crise sen roturas e sen divisións", empezou.

"O modelo galego garante a unidade, o benestar e, tamén, a solidariedade en momentos dramáticos como os que provocou o terrorismo incendiario", sostivo contra toda evidencia (de unidade, de benestar e mesmo terrorismo incendiario), subliñou a idea, a da cohesión, que aparentemente distingue "o modelo" doutros. 

E por fin Alberto Núñez Feijóo meteuse en fariña e rifou co pobo comensal para guialo nas tempestuosas augas do futuro inmediato. "Son as persoas e non os territorios as que financian o Estado e posúen a soberanía nacional", advertiu. "Como nacionalidade histórica, Galicia terá presencia singular nos previsíbeis debates sobre a reforma constitucional, a revisión do modelo territorial e o financiamento autonómico", indicou. E logo sinalou: "o independentismo atentou gravemente contra a Constitución e, polo tanto, contra o noso Estatuto de Autonomía".

Foi ao final cando Alberto dixo "afouteza" e dixo "irmandade" como por dicir algo do que se di por estas datas, pero sen xeito, como quen di "como" ou "coma", e seguimos comendo e mirando a tele.