Feijóo di que até abril non revelará o seu futuro e non desbota deixar a política

Até o mes de abril, non saberemos se o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, recunca como candidato á Presidencia da Xunta. O presidente do Goberno galego non descarta deixar a política.

[Imaxe: Feijóo]

Nunha entrevista concedida a Faro de Vigo, integramente en español, Alberto Núñez Feijóo sinala que a estas alturas non ten decidido se vai optar á reelección como presidente da Xunta de Galiza, “non tomei esa decisión. Dinme un prazo e estou en prazo”. Adianta que non será até o mes de abril, ou “quen di marzo”, cando adopte e comunique a súa decisión.

Ademais, o presidente da Xunta espalla máis incerteza ao deixar a porta aberta a abandonar a política: “reitero que no primeiro trimestre deste ano vou trasladar a miña dispoñibilidade aos galegos interpretando coa maior honestidade o que creo que poida ser útil para o meu país. E iso pode ser deixar a política. Estiven dúas lexislatura…”.

Preguntado sobre a posibilidade de que volva ser Mariano Rajoy candidato do PP se se repiten os comicios, apunta: “non atopo ningunha xustificación para que quen gañou as eleccións e sacou 1,7 millóns de votos máis que o PSOE non volva ser o noso candidato”. E inquirido sobre se el mesmo sería candidato do PP á Presidencia do Goberno central, afirma: “pregúntame se quero ser o candidato á Xunta e se quero ser o candidato do PP de España. É difícil contestar”.

Grupo parlamentar de En Marea

Respecto da negativa da Mesa do Congreso a que En Marea conte con grupo parlamentar de seu, Feijóo afirma que “os grupos de Podemos non poden ir xuntos ou separados cando interesa. É un tic da vella política. Non poden ter máis tempo de intervención, máis cartos que o primeiro partido”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios