Feijóo di agora que ignoraba que Crespo estaba en Portos de Galicia até que estourou o caso Gürtel

A nova liña de defensa de Feijóo sobre o caso Gürtel é finxirse ignorante. En conferencia de imprensa, e a perguntas de Sermos Galiza, afirmou hoxe que ignoraba que Pablo Crespo, secretario de Organización do PP galego durante os 90, fose membro do consello de administración de Portos de Galicia.

Feijóo
photo_camera Feijóo na conferencia de imprensa

Segundo a súa versión, soubo que Crespo facía parte dese órgao cando estourou o caso Gürtel. Crespo estaba en Portos de Galiza en representación da consellaría, Política Territorial, que dirixía Feijóo, no último goberno Fraga. Feijóo continúa sen explicar por que non o cesou.

O presidente da Xunta dixo, a preguntas de Sermos Galiza na conferencia de imprensa após o Consello da Xunta, que nin el nin Negreira, actual alcalde da Coruña, tiveron constancia de que Pablo Crespo estivese no Consello de Administración de Portos de Galicia até que se desatou o escándalo da trama Gürtel. Hoxe mesmo, en entrevista na Radio Galega, Negreira dixo que non coincidira con Crespo en ningunha reunión de Portos de Galicia, entidade da que o rexedor coruñés foi presidente durante o período 2003-2005.

Daquela o actual presidente da Xunta era Conselleiro de Política Territorial do goberno Fraga e Crespo formaba parte do Consello de Administración en representación desa mesma consellaría.

Feijóo asegurou hoxe que Crespo “nunca asistiu a ningún dos consellos, segundo me confirmou no seu día o presidente de Portos, polo tanto non tivemos constancia de que formara parte de ningún órgano porque nunca viña a participar”.

Crespo foi cesado como membro de Portos de Galicia polo goberno bipartito, non polo goberno do PP. Feijóo nunca explicou por que non cesou a Crespo. Hoxe, de forma moi confusa, dixo que "en canto tivemos información ao respecto [en alusión ao envolvimento de Crespo na Gürtel] procedimos a dar de baixa a esta persoa", en probábel alusión a súa baixa como militante.

Financiamento irregular

Pablo Crespo chegou a ser secretario de organización do PPdeG ao tempo que, como empresario, xestionou entre 1996 e 1999 numerosos actos políticos do Partido Popular en Galiza. Foi propietario e administrador de varias empresas que foron investigadas xudicialmente. As pesquisas remataron coa súa detención en 2009. Daquela foi cando o Partido Popular comunicou a súa expulsión do partido.

A trama Gürtel, pola que se investigou a Crespo, relacionouse co caso Bárcenas pola presunta financiación irregular do PP. Nos anos 90 o PPdeG ingresara 21 millóns de pesetas nas arcas de Bárcenas. Núñez Feijóo ten dito en máis de unha ocasión que neses anos el non militaba no partido. 

Comentarios