Feijóo desvincula o falecemento da octoxenaria en Vigo do colapso de urxencias

Para o presidente da Xunta non hai relación entre a morte dunha muller no Complexo hospitalario universitario de Vigo (Chuvi) após tres horas agardando en urxencias e o colapso deste servizo. Aliás, e no referente ao caso Bárcenas e as implicacións coa trama Gürtel e o financiamento irregular de actos do PP galego, Feijóo optou, máis unha vez pola práctica do escaqueo: "Eu daquela non era nin afiliado".
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

O falecemento dunha anciá de 81 anos no Complexo hospitalario universitario de Vigo (Chuvi) após tres horas agardando en urxencias, e que non chegou ser atendida, non ten relación algunha co colapso existente nese servizo. Eis o que opina o presidente da Xunta da morte desta octoxenaria, un feito que motivou que o Defensor d@ paciente exixa que a fiscalía investigue de oficio esa morte.

Para Feijóo, mesmo había capacidade no Hospital para atender a esa muller, "iso é o que din os médicos". "Do diagnóstico previo que lle fixeron non se deduciu urxencia ou emerxencia". A responsabilidade da morte, logo, sería nese elo da cadea e non na saturación e colapso das urxencias.

O presidente da Xunta, que quixo transmitir as súas condolencias e as do goberno á familia da falecida, informou de que había en marcha unha investigación entre o Sergas e o Chuvi cuxa coordinación e responsabilidade levará Inspección Médica. E apelou aos dous compromisos que cumpre o goberno, dixo, nestes casos: "Transparencia e inmediatez na información".

Feijóo manifestou a súa confianza en que "a xustiza repare a honra do PP, dos seus votantes e simpatizantes" no caso Bárcenas

Bárcenas, Gürtel e as demandas do PP

A preguntas d@s xornalistas, Feijóo tamén tivo que falar do caso Bárcenas. E dos vínculos entre papeis extesoureiro do PP e a trama Gürtel. En resposta ao financiamento presuntamente irregular de actos do PP galego a finais dos noventa, Feijóo limitouse a dicir: "En 1997 eu non tiña responsabilidade algunha no PP. Nen sequera estaba afiliado". Neses anos, o actual preisdente español, Mariano Rajoy era ministro no gabinete Aznar

Iso si, manifestou que "Bárcenas xogou co PP cando era tesoureiro, xoga agora que non o é, xoga coa xustiza e xoga coa opinión pública". Feijóo manifestou a súa confianza en que "a xustiza repare a honra do PP, dos seus votantes e simpatizantes" e mostrou o seu apoio á demanda que o PP presentou contra o xornal madrileño, El País, que fixo públicos os papeis de Bárcenas.

Non todo é pasado

O xefe de contabilidade de Portos de Galiza, V. Lago, estivo societariamente conectado con Pablo Crespo (número 2 da rede de corrupción e terceiro de a bordo d@s populares galeg@s na época de Fraga e Cuíña) a través dunha empresa ubicada no paraíso fiscal de Illa de Nevis. Crespo foi membro do consello de Portos de Galiza, ente presidido daquela polo actual alcalde, e tamén do PP, da Coruña, Carlos Negreira. Entre 1999 e 2005 Portos adxudicou sete contratos a Constructora Hispánica, cuxo expresidente estivo imputado no caso Gurtel.

Mais non só Portos. En 2001 a Consellería de Agricultura pagou máis de 156.000 euros á empresa Special Events (punta do iceberg de Gurtel) por un estudo do que non houbo constancia algunha que se fixera. O departamento autonómico estaba presidido por Diz Guedes, amigo persoal de Pablo Crespo desde a época de militancia conxunta nas fileiras populares de Pontevedra.

Comentarios