O ''bo nadal'' de Feijóo, adornado con titulares vellos da 'prensa amiga'

O acordo con Pemex que a propia petroleira desmentiu ou o repetido discurso de que na Galiza o desemprego medra menos que a media estatal, discurso que desminten as propias cifras, son dúas das catro informacións en que o presidente da Xunta resume os "bos recordos" de 2012


Catro titulares da imprensa redactados en español resumen os "bos recordos" que do ano 2012 ten o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feijóo. Nun video de dous minutos de duración, o líder d@s conservador@s galeg@s mestura as súas palabras, en que agradece o apoio mostrado nas eleccións do 21 de outubro, con imaxes dos actos de campaña para desexar un "bo nadal e bo ano 2013".

Pemex: cifras inchadas en tempos electorais

Lémbralles Feijóo aos e ás galeg@s que 'Pemex dará trabajo a 3.000 personas del naval gallego durante 30 meses', tal e como o publicou o diario da ultradereita española ABC o 20 de setembro, reproducindo un comunicado da Xunta de Galiza sobre o acordo da petroleira mexicana en plena precampaña.

Ese mesmo día os sindicatos votaron contas. Ignacio Naveiras (CCOO), do comité de empresa de Navantia, considerou que a cifra "está inchada". Indicou que a Xunta sinalou que cada un dos buques suporá unha carga de traballo de millón e medio de horas. Un operario realiza unha media de 1.700 horas anuais. E 1,5 millóns de horas en dous anos e medio (prazo de construción estipulado para o flotel) implica un número moito menor de empregados, que Naveiras cifrou por volta dos 400.

Oito días despois Pemex informaba nunha entrevista a un diario mexicano que non había acordo ningún pechado, e apuntaba directamente cara ao electoralismo: "o anuncio dos flotantes caeu en tempos electorais na Galiza, e entón a Xunta o usou politicamente para impulsar o Partido Popular, mais non hai un compromiso de Pemex”. Son as palabras de Flavio Ruiz, conselleiro da paraestatal, que tamén desmentiu o anuncio de Feijóo a través de publicacións nas contas que Pemex ten nas redes sociais.

Desemprego: cando as cifras desminten o discurso de Feijóo

Hai tamén un titular para as "malas noticias", dedicado ao desemprego: 'Sube el paro en Galicia, pero se mantiene por debajo de la media de España'. Máis unha información na liña das ofrecidas polo PP durante durante a campaña electoral e os discursos pronunciados durante os actos de constitución do novo executivo galego, comparando as cifras do desemprego na Galiza co media estatal para loar a xestión do seu goberno.

Porén, o titular non reviste de moita actualidade, pois xa os datos do mes de novembro, os oficiais do Servizo público de emprego, que non contabilizan as persoas en cursos de formación, por exemplo, fala de que a taxa de paro é no País o dobre da rexistrada no Estado español. E a cifra española, a piques de se situar nos seis millóns, é a máis alta da UE. O número oficial é de 276.536 persoas; o número real, de 355.889 persoas.
 

 

Comentarios