OS PRODUTORES ACORDAN BLOQUEAR O 'ALCAMPO' DE COMPOSTELA

Feijóo descarga a responsabilidade en Madrid e non se compromete a nada c@s gandeir@s

O presidente da Xunta reuniuse durante 3 horas con representantes das explotacións gandeiras e dos sindicatos agrarios que continúan a exixir acordos "por escrito" e prezos dignos do leite en orixe. Os gandeiros intensifican os protestos.

Xunta
photo_camera [Imaxe Xunta de Galiza]

Após un encontro que comezou por volta das 12:15 horas e que se prolongou até pasadas as tres da tarde, o xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou @s representantes das organizacións agrarias e representantes d@s gandeir@s a vontade do goberno por "facer todo o que legalmente poida" para rematar coa crise que atinxe o sector lácteo. 

Porén, Feijóo non falaba de si propio e do seu goberno, senón do "compromiso" que, dixo, lle trasladou a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, quen se reunirá mañá (10 de setembro) con representantes de todos os elos da cadea de valor do leite --produtores, industria e distribución. Un encontro ao que Tejerina, explicou Feijóo na xuntanza, chega con "optimismo". 

Desta maneira o líder do executivo galego descargou a responsabilidade en Madrid e non adquiriu compromiso ningún coa produción láctea para alén de lles transmitir --como xa fixo onte-- a solidariedade do goberno galego coas demandas d@s gandeir@s. 

Neste senso, malia contar con competencias exclusivas en materia de mercado interior e consumo --entre outras-- nen Alberto Núñez Feijóo nen a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, se comprometeron a nada. 

Fruga e SLG criticaron a "indefinición", "xeralidades" e "poucos feitos" dos gobernos perante a crise do sector 

Á saída do encontro a Fruga e o Sindicato Labrego Galego amosaron a súa preocupación pola "indefinición", as "xeralidades" e os "poucos feitos" por parte dos executivos español e galego. Así, Isabel Vilalba criticou que non exista "rascuño" das conversas que se están a manter. "Todo ten que ser fiarnos", asegurou. 

De igual maneira, Antón Ledo (Fruga) exixiu "resultados inmediatos" pois, dixo, @s gandeir@s "están fartos de palabras". Pola súa banda, Roberto García (Unións Agrarias) demandou un acordo por escrito para a entrada en vigor de prezos sostíbeis en orixe así como dunha garantía legal que exixa o seu compromiso por parte das industrias e distribuidoras. 

Máis optimista se amosou o representante de ASAJA quen chegou a afirmar en declaracións á imprensa recollidas por Europa Press que "un mal acordo" esta quinta feira "é mellor que ningún acordo".  Tamén un representante da asemblea de Lugo, Roberto García, participou na xuntanza coa Xunta. Rodríguez reclamou un acordo "por escrito" porque "as palabras lévaas o vento". 

Esta tarde @s gandeir@s reuniranse en asemblea máis unha vez para avaliar a xuntanza e dar continuidade ás mobilizacións, a comezar pola manifestación desta quinta feira ás 12h en Compostela que se reproducirá tamén en Lugo por volta das 11.30h.

Bloqueo

Os gandeiros decidiron nunha asemblea crealizada na Alameda de Compostela na tarde desta cuarta feira enviar tractores a Área Central para bloquear a entrada ao supermercado Alcampo, ao igual que están a facer noutras superficies comerciais no marco da tractorada que manteñen desde a segunda feira en Santiago.

Comentarios