Feijóo desbota unha tarifa eléctrica para Galiza. “Ningún español o entendería”

O presidente afirma que as tarifas teñen que “ser homóxéneas” nun estado. Porén, non é así en Europea, onde hai estados con taxas eléctricas diferentes nos seus territorios.

Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016

“España, unha”. O presidente da Xunta abandeira o vello lema para o debate sobre unha tarifa eléctrica galega. Núñez Feijóo manifestou esta sexta feira que “ningún español” entendería que “en función de cada punto quilométrico se pagase a luz de forma distinta”. Para o mandatario, “as tarifas teñen que ser homoxéneas” para o conxunto do estado.

Desbotaba así Feijóo a proposta dunha tarifa eléctrica galega, debate que volve estar sobre a mesa após un mes de xaneiro no que o prezo do recibo da luz aumentou días tras día de forma máis que preocupante. No Parlamento galego ‘durme’, desde comezos de 2016, unha ILP sobre a tarifa eléctrica galega impulsada pola CIG e avalada por 18.000 sinaturas e co apoio de máis de 50 concellos (entre eles, 6 das 7 principais cidades do país) e 3 deputacións. A iniciativa foi aprobada mais está paralizada desde hai meses.

Por que unha tarifa propia?

Galiza exporta por volta do 40% da enerxía que transforma  mais non recibe ningún beneficio por iso, embora os impactos negativos e os prexuízos do punto de vista social e ambiental. A ILP defende qu, por esas cuestións, a enerxía ten que ser no noso país máis barata. Iso facilitaría a instalación de empresas e garantir maior competitividade (e emprego) do tecido industrial. Ademais, por volta dun 18% da poboación de Galiza está en situación do que se denomina ‘pobreza enerxética’. Algo que se podería paliar con medidas que garantan a enerxía como dereito.

A CIG lembra que o sector enerxético está regulado a nivel de estado e que se fixa unha tarifa única que inclúe toda unha serie de peaxes que teñen que ver co transporte e distribución desa enerxía. Peaxes que tamén se pagan en Galiza embora se producir a enerxía no noso país. Hai territorios en estados da UE que teñen tarifas eléctricas diferentes, como en Alemania ou Reino Unido. En 2013, cando se aprobou a Lei de Enerxía, o goberno vasco asinou un acordo co PP que estabelece unha condición específica para Euskadi en relación coas redes de alta tensión que abarata a enerxía.

Comentarios