Sesión de control ao presidente

Feijóo elude pronunciarse sobre Villar Mir e o futuro de Ferratlántica

“O seu silencio faino cómplice”, reprochoulle Ana Pontón a respecto das prolongacións galegas da Operación Lezo nun debate parlamentar no que o presidente defendeu a política de “bilingüismo harmónico” e asegurou que en Galiza “estase a consolidar o medre económico”.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP
photo_camera Feijoo parlamento pedro puy xunta PP

Feijóo volveuno facer, no que xa é toda unha marca da casa. Perante unha pregunta da oposición sobre unha ou varias cuestións concretas, ‘escorre o bulto’ para evitar responder e basea as súas respostas e réplicas nunha fiscalziación da oposición. Unha estratexia que se volveu ver esta cuarta feira na Cámara galega, na sesión de control ao presidente. A primeira en intervir foi Ana Pontón, que puxo sobre a mesa dúas cuestións concretas: por unha banda, as consecuencias (“paro e emigración”) das políticas económicas. Por outra, a corrupción do PP, nomeadamente a ‘Operación Lezo’ e as súas prolongacións en Galiza a través de Villar-Mir, dono de Ferroatlántica.

Pontón volveu pedir que se investiguen os contratos da administración galega con Villar Mir. “Non pasamos por alto as doazóns que fixo á fundación Fraga apóas as tres concesións que lle deu a Xunta, que caducaron en 2012 e que vostede volveulle adxudicar a dedo”. E instou o presidenta a que se pronunciase en sede parlamentar, “asegure que non vai ceder á chantaxe de Villar-Mir”, que quer vender as hidroeléctricas.

Feijóo non se pronunciou nin se referiu na súa resposta a esta pregunta. Acusou a portavoz do BNG de traer á Cámara “un popurri” de temas e dixo que toda a oposición xunta sumaba menos votos que os que tivera o PP, peculiar argumento para evitar críticas as súas políticas. Acusou a nacionalista de “non se tomar en serio a corrupción” e afirmou que no seu gabinete non hai ningún imputado por corrupción. “Vostedes gobernaron catro anos e teñen un”, engadiu.

O galego

Luis Villares preguntou ao presidente en relación á situación do galego, en constante perda de falantes. “Algunha responsabilidade terá o goberno, non?”, ironizou o portavoz de En Marea, que lembrou as problemáticas e dificultades do idioma propio de Galiza no ensino, na xustiza, na empresan, no día a día. Lembroulle a Feijóo que o mesmisimo Consello de Europa recriminou á Xunta a súa política lingüística.

Defendeu Villares o pulo da sociedade que, embora esa situación, apostan no galego e continúan a traballar e se mobilizar “ano a ano” polo idioma. “Que mal lle fixo o galego a vostede?”, preguntoulle a Feijóo.

O presidente defendeu o “bilingüismo cordial” que, dixo, “existe nas rúas galegas”, e afirmou que o seu goberno, no que a lingua se refire, “traballa para unir, non para dividir”. Apelou á Lusofonía ao dicir que co galego “entendémonos con millóns de persoas en todo o mundo”, meteu a zoca co Día das Letras Galegas, que situou no 15 de maio [posteriormente diríao correctamente, 17 de maio] e recomedou a Villares que “lese máis a Carlos Casares”, escritor homenaxeado este ano polo 17M.

Fernández Leiceaga preguntou sobre o mercado de traballo de Galiza, alertando dos malos datos ao respecto. Afirmou que ao ritmo experimentado en 2016, o estado español recuperaría en dous anos o nivel de emprego de antes da crise, mais que a Galiza íalle levar 11 anos. O portavoz do PSdeG afirmou que o noso país ten peores rexistros que a media estatal e que esa fenda non mingua. Na súa resposta, Feijóo respondeu con datos do goberno ‘bipartito’ e criticando a política de emprego “socialista” de Andalucía. 

Comentarios