Feijóo deixa en mans do alcalde o futuro de Compostela

O presidente da Xunta non actuará perante o que está a acontecer na capital da Galiza e di que a "gobernabilidade" está asegurada.

feijoo
photo_camera [Imaxe: Xunta]

Alberto Núñez Feijóo non actuará perante a situación que atinxe o goberno local de Compostela. Na rolda de imprensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente do goberno galego e, tamén, líder do PPdeG asegurou que "corresponde" a Ángel Currás tomar a decisión que considere oportuna".

Desta maneira o mandatario galego escorregou o bulto e depositou en mans do rexedor a decisión de presentar a súa demisión, ou non.

Nen a sentenza xudicial coñecida a segunda feira e pola que se inhabilitou por un período de 9 anos a práctica totalidade da equipa de goberno de Currás, nen a demisión da súa número 3 e ex-concelleira, Paula Prado, pola súa imputación na Operación Pokemon, fixeron actuar a Feijóo --recén chegado da súa visita oficial ao Xapón.

Segundo o presidente da Xunta, a realidade política compostelá non pon en cuestión a súa "gobernabilidade". Mais, acrecentou "o que urxe" é "abrir unha nova etapa porque o merecen a cidadanía e as institucións". Unha nova etapa dirixida polo propio alcalde, Ángel Currás, e por unha nova Xunta de goberno que contará mesmo con persoas non eleitas elixidas 'a dedo'.

Comentarios