Feijóo defende a súa xestión no discurso de investidura e asegura que Galiza "rexurdirá" nesta lexislatura

Alberto Núñez Feijóo gábase da xestión do seu goberno durante a lexislatura anterior e debulla o seu programa de goberno para o vindeiro curso político. Neste sentido,  solicita á Cámara que o mes de xaneiro sexa hábil e permita aprobar con celeridade os orzamentos para 2013. Aliás recupera a proposta defendida polo seu grupo parlamentar durante o exercicio anterior e pulará pola redución do número de parlamentares durante esta lexilatura.

Discurso investidura Feijóo
photo_camera Discurso investidura Feijóo

No seu discurso de investidura, o candidato á presidencia da Xunta de Galiza gabou a xestión desenvolvida polo seu goberno durante os últimos catro anos e asegurou que a maioría absoluta conseguida nas pasadas eleccións (41 deputad@s) supuxo un aval para as políticas desenvolvidas durante os últimos catro anos. Asemade, acrecentou que a “alianza maioritaria entre Galiza e o Partido Popular” é debida a que “o PP é de Galiza” e non ao contrario. Así mesmo, Alberto Núñez Feiijóo considerou que a existencia dunha “oposición máis plural”, froito da incorporación dun outro grupo parlamentar á Cámara non debe supor “a maior división da oposición” nin “unha maior confrontación” senón que debe incorporar, dixo, “máis matices” ao debate parlamentar.

Nunha intervención marcada pola seguranza dunha maioría reforzada e da confianza nunha suposta “senda do crecemento” que permitiría a recuperación económica de Galiza nos vindeiros anos, Núñez Feijóo defendeu o que di son “as mellores condicións para ser das primeiras” autonomías en saír da crise. O aínda presidente en funcións dixo que esta sería a lexislatura en que se “volverá a falar de crecemento”, argüíndo que a “solvencia” garantida polo seu goberno durante o período anterior situou Galiza no seu “rexurdir”.

Un segundo rexurdimento
Ese foi o termo elixido por Núñez Feijóo para describir o que será o seu goberno durante os vindeiros catro anos, cuxas liñas fundamentais se asentarán máis unha vez na austeridade económica e na racionalización do gasto público, como xa acontecera no período anterior. Na súa intervención, o presidente d@s populares asegurou que a súa intención é que “as contas para o vindeiro exercicio sexan autorizadas polo Consello da Xunta antes do remate do ano” para o que solicitou que o mes de xaneiro sexa hábil no Parlamento, que deberá debater e aprobar “coa máxima celeridade”, dixo, as contas públicas para 2013.

Feijóo aplausou a xestión económica do seu goberno e asegurou que aprobará os orzamentos este mesmo ano


Estes orzamentos, incorporarán algunhas das medidas adiantadas no seu discurso de investidura, entre elas, a creación dun Fondo para o crecemento encamiñado a centralizar e co-ordinar os principais “investimentos produtivos e os instrumentos de dinamización económica da Xunta”. Neste sentido, asegurou que o obxectivo do novo goberno ‘popular’ será reforzar os sectores estratéxicos galegos –nomeadamente, asegurou, o lácteo e o forestal.

“Estamos morrendo”
A folga do leite convocada para esta terza feira polos sindicatos agrarios, chegou ao interior do Parlamento galego a través dun grupo de persoas produtoras que apuparon o candidato á presidencia da Xunta cando se referiu as medidas que aprobará o seu goberno neste sector.

Alberto Núñez Feijóo falou no salón de plenos dun “pacto polo rural” que convirta ao interior do país “no noso futuro”, afirmou. Segundo Núñez Feijóo a Xunta de Galiza por el presidida durante a anterior lexislatura mellorou “a comercialización cunha marca de calidade do leite” e, ao seu entender, foron re-activadas unha serie de “ferramentas básicas” postas a disposición desde o goberno central, que foran “bloqueadas nos oito anos anteriores”. Falou así o candidato á presidencia, do contrato homologado obrigatorio –posto en marcha durante o bipartito, e dun acordo entre @s produtoras/es, a industria e as distribuidoras á fin de evitaren que o leite sexa empregado como un produto reclamo.

Representantes do sector lácteo apuparon ao presidente en funcións pola crise do leite o que motivou a súa expulsión do Pleno

As propostas debulladas polo presidenciábel viñan a calmar os ánimos d@s produtor@s que ademais da convocatoria dunha folga de entregas para esta terza, mantiveran unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural e advertiran que mesmo poderían facer da convocatoria unha folga indefinida se as administracións públicas, galega e española, non puñan fin a unha crise do sector leiteiro que semella ser endémica.

As palabras pronunciadas por Núñez Feijóo espertaron o malestar entre as cadeiras da oposición mais tamén na tribuna de convidad@s. Vari@s gandeir@s erguéronse para apuparen o presidente en funcións e asegurárenlle que a realidade do sector é tráxica ao berro dun “estamos morrendo, por iso tiramos o leite”. Entrementres, a presidenta da Cámara Pilar Rojo chamaba á orde @s presentes e emprazaba á seguridade parlamentar a expulsar do salón de plenos as persoas que increpaban e interrompían o candidato ‘popular’. Dito e feito.

Servizos públicos
Alberto Núñez Feijóo reservou un anaco no seu discurso para facer referencia aos servizos públicos e as políticas sociais das que dixo "o noso compromiso é mantelos e aseguralos máis aló desta lexislatura" porén puntualizou que non "a costa de hipotecar o futuro dos gobernos que han de vir". Neste senso, puxo enriba da mesa os números que para o candidato 'popular' avalan a súa xestión da política social durante estes anos, como o número de estudantes con acceso a comedor ou o número de prazas en gardarías públicas. No entanto, escusou facer referencia ao número de persoas que ficaron durante os últimos catro anos sen asistencia no fogar --verbo da eliminación da axuda procedente da Xunta para aqueles núcleos que non chegasen a 10.000 habitantes; o desmantelamento da Lei de dependencia ou o incremento das taxas universitarias --de maneira considerábel-- nas segundas, terzas e sucesivas matrículas.

Feijóo non aludiu aos recortes desenvolvidos no seu anterior mandato e defendeu a "solvencia" de Galiza 

Aliás, gabouse o candidato á presidencia da Xunta da construción de novos hospitais "públicos coma o de Vigo" e comprometeuse a ampliar outros durante o curso político vindeiro coma o do Salnés ou A Mariña. Aliás, anunciou que sacarían adiante a nova Lei de garantías de prestacións sanitarias --aprobada xa polo Consello da Xunta-- que permitirá, entre outras cuestións, "o dereito á libre elección", aseverou, nos servizos de pedriatría e do persoal de enfermería. Porén, nada dixo da introdución do re-pagamento nos medicamentos que está a supor un custo adicional para as persoas doentes, nomeadamente aquelas que padecen unha enfermidade crónica.

O sector financeiro galego e o control do déficit
Como engadido ao mantra da "solvencia" da economía galega e dunhas contas públicas "ordenadas", o presidente en funcións da Xunta de Galiza loubou a xestión desenvolvida polo anterior goberno --máis unha vez-- para deseguido anunciar que durante os vindeiros catro anos seguirán "reducindo progresivamente os niveis de endebedamento" e basear a política económica do novo executivo na procura do défice cero --tan ansiado e procurado desde os gobernos europeos.

Aliás, amosou especial interese en salientar o mantemento dunha "entidade financeira de referencia en Galiza". A respecto de Nova Caixa Galicia e Nova Galicia Banco, Núñez Feijóo botou balóns fóra e asegurou que foron as múltiples "reformas efectuadas neste ámbito, moitas delas contraditorias" as responsábeis do debilitamento do sector bancario en Galiza. Nomeadamente, salientou o papel xogado polo Banco central español que "acreditou a solvencia de entidades que pouco despois se viron en importantes dificultades", apuntou; como xa fixera o voceiro do PP, Antonio Rodriguez Miranda, nunha conferencia de imprensa após solicitar a creación da comisión de investigación das caixas.

O líder d@s populares acusou ao Banco central español da situación de NCG e mesmo das indemnizacións dos seus ex-directivos

Ao igual que o seu compañeiro de filas, Núñez Feijóo asegurou que a devandita solicitude amosaba o compromiso da súa formación para coa cidadanía e que esta non se producira con anterioridade --verbo do rexeitamento do seu grupo parlamentar-- para non dificultar o "plan de recapitalización aprobado por Bruxelas". Aliás, recuncou no apoio que o Partido Popular achegará "aos investidores para que manteñan a súa participación na entidade financeira" a través dun acordo do FROB que garanta os seus beneficios.
Lembrouse tamén o candidato á presidencia da Xunta dos milleiros de persoas afectadas pola fraude das preferentes salientando "o compromiso da Xunta con todos os que foron enganados" loubando, asemade, a arbitraxe como solución, malia que rematou após as eleccións e foi rexeitada por boa parte d@s estafad@s por non dar unha solución conxunta e xusta.

Comentarios