Feijóo, de viaxe en campaña nun carro oficial e nun avión propiedade dun magnate afín ao PP

O goberno español recoñece que o presidente da Xunta de Galiza viaxou durante a campaña electoral nun automóbil da embaixada española en Bos Aires. Núñez Feijóo empregou tamén o avión privado dun multimillonario afín ao PP

Touché. Alberto Núñez Feijóo empregou medios públicos durante a campaña ás eleccións da Xunta do pasado ano. Un carro oficial, ao servizo da embaixada española na Arxentina foi posto a disposición do daquela candidato á reelección para se despazar pola capital porteña. 

Así o recoñeceu o propio goberno español a través do secretario de Estado de Relacións exteriores, Gonzalo de Benito. "Tratouse dun apoio a un presidente en funcións" explican no informe elaborado polo executivo co gallo da polémica xerada. Desde Exteriores aseguran que no mesmo período o candidato socialista, Pachi Vázquez, tería gozado das mesmas "deferencias" mais desde o PSdeG negan "rotundamente" que o seu secretario xeral tivese empregado "ningún medio público", precisamente, din, por viaxar "como candidato á presidencia". 

Sexa como for, o certo é que Alberto Núñez empregou un vehículo oficial nunha viaxe en que --presidente en funcións ou non-- asistía a diversos actos de campaña para representar a imaxe do Partido Popular e non da Galiza. 

De viaxe no avión dun magnate doador do Partido Popular
Non é a primeira vez en que Alberto Núñez Feijóo se ve inmerso nunha polémica destas características. Na mesma campaña ás eleccións do Parlamento galego o candidato popular empregou o avión do empresario uruguaio de orixe galega, José Benito López, para se desprazar desde Montevideo logo dun acto electoral. 

Após coñecerse a noticia --e as fotografías no angar do aeroporto-- o magnate recoñecía ser un habitual doador das campañas do PP, nomeadamente nos actos que se desenvolven ao outro lado do Atlántico, un importante nicho de votantes para o Partido Popular. 

Comentarios