Antón Sánchez (AGE), en alusión ao caso da hepatite C

“Feijóo cruzou varias liñas máis aló da indecencia ao criticar aos profesionais sanitarios.”

AGE e PSdeG mostraron indignación ante as palabras de Alberto Núñez Feijóo nunha entrevista radiofónica en Onda Cero na que criticou as actuacións xudiciais e a actuación dalgún dos profesionais sanitarios implicados no caso da dispensación de medicamentos a enfermos de hepatite C. VÍDEO NO INTERIOR

A xunta de voceiros desta terza feira estivo protagonizada pola polémica xurdida en torno ás palabras do Presidente da Xunta, na que mostrou a súa disconformidade co percorrer do caso da hepatite C, na que o goberno da Xunta de Galiza se atopa denunciado por prevaricación administrativa. O máis vehemente nas súas críticas resultou ser Antón Sánchez, quen arremeteu contra Núñez Fejóo calificándoo de: “insensible coa dor e indigno”.

Antón Sánchez: "Feijóo é insensible coa dor e indigno"

En relación a isto, AGE dirixirá unha pregunta a Feijóo no vindeiro pleno. O PSdeG, pola súa parte, prantexou a necesidade dunha comparecencia que non foi admitida por falta de tempo, segundo o Grupo Popular. O voceiro do PP, Pedro Puy, defendeuse das acusacións de ambas formación e argumentou que as críticas de Feijóo: “Foron dirixidas só cara algúns destes profesionais e non contra a sanidade pública en xeral”, ao tempo que manifestou que Feijóo está no seu dereito democrático de mastrarse disconforme cunha decisión xudicial.

Pedro Puy: "(As críticas) Foron dirixidas só cara algúns destes profesionais e non contra a sanidade pública en xeral"

A xunta de voceiros serviu, tamén, para definir o orde do próximo día 28 que estará marcado por un horario especial debido á entrega das Medallas Castelao, cuxo acto será ás 12.30 horas, obrigando a deter o transcurso do pleno até as 16.00 horas, momento no que será reanudado.

Os debates de lei que terán lugar no vindeiro pleno son o de coordinación das Policías Locais, as retribucións das pagas extras retidas do ano 2013 e a Lei de Servizos Sociais. Aos tres debates de lei propostos polo Partido Popular sumaráselle unha proposición non de lei de iniciativa popular. Esta será a primeira proposición de iniciativa popular que se leve ao Parlamento de Galiza e será levada polo grupo popular atendendo á reclamación da Asociación Galega de Familias numerosas quen demanda un IVE reducido na compra dos cueiros. Nesta proposición queda de lado o IVE de compresas e tampóns que grava exclusivamente a mulleres, feito ante o que Pedro Puy afirmou que o PP se mostrou favorable a reducir en anteriores debates.

O BNG focalizou a atención sobre a crise demográfica que provoca que dende 2009 o saldo migratorio supuxo a perda de 125.000 persoas en Galiza. Jorquera, baseándose nos datos do Servizo Público de Emprego do Estado, apuntou que no último ano 50.000 galegos tiveron que emigrar a outras comunidades ou países para traballar. Por outra banda, o BNG continúa fixando a preocupación en ALCOA - San Cibrao ante a posibilidade de perda de 2.000 empregos directos de producirse o peche da pranta que supón o 30% do PIB da provincia de Lugo.

Outro dos puntos chave do día xirou en torno á política de prevención e extinción de incendios. Chegado o verán as diversas forzas políticas da oposición, tanto AGE como BNG e PSdeG, mostraron a súa disconformidade cos recortes neste eido e a priorización do investimento en extinción sobre a prevención, facendo foco na condición dos contratos dos traballadores das brigadas que se atopan nunha situación de contratos fixos intermitentes.

Comentarios