A CONSELLEIRA DE FACENDA, CANDIDATA EN VIGO

Feijóo continúa baleirando o goberno para as municipais

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz será a candidata do PP nas municipais en Vigo e, polo tanto, a segunda do executivo tocada pola man de Feijóo para encabezar as candidaturas despois de que Xesús Vázquez tivera aceptado ir á fronte da de Ourense. 

En Vigo, a cidade máis poboada de Galiza, descoñecíase a tal altura quen encabezaría a lista do PP ás municipais e agora desvélase que o nome estaba xa no propio goberno de Feijóo. Segundo adianta La Voz de Galicia, será a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, a que asuma o reto de ir á fronte da lista ás municipais de Vigo, sendo con toda posibilidade a segunda baixa do executivo de Feijóo polas municipais, despois de que xa se estean barallando en San Caetano nomes para o relevo de Xesús Vázquez á fronte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á espera de que en breve deixe o cargo para centrarse na campaña en Ourense. Segundo El País, o nome de Elena Muñoz sería a opción de Feijóo logo de que o ex-conselleiro Javier Guerra renunciara ao ofrecemento. 

Feijóo prescindira xa de Agustín Hernández do seu gabinete nun intento de salvar Compostela do desastre electoral que se prevía despois das múltiples imputacións dos membros do seu goberno e a obrigada saída de Conde Roa e Ángel Currás. 

Comentarios