SESIóN DE CONTROL NO PARLAMENTO

Feijóo consuma a súa segunda lexislatura en branco en autogoberno para Galiza

BNG responsabiliza o presidente de non lograr nestes sete anos ningunha transferencia para o noso país nin pedir ningunha competencia, mentres AGE pediu explicacións sobre a política da Xunta para o rural e o PSdeG acusouno de vivir de costas á realidade.

Feijóo parlamento

O financiamento, autonómico e local, foi unha das cuestións sobre as que pivotou a sesión de control parlamentar ao presidente da Xunta que decorreu esta cuarta feira. Non foi a única, pois desde a oposición tamén se lle inqueriu a Núñez Feijóo (con sorte desigual á hora de ter unha resposta ao caso) sobre estado da economía galega ou as políticas para o rural. Desde o BNG, o seu portavoz na Cámara, Francisco Jorquera, apontaba o seu abraio polo feito de que unha cuestión tan fulcral para o día a día dos galegos como o financiamento autonómico e local estea fóra da axenda do goberno. Denunciou a pasividade da Xunta mentres co actual sistema cada veciño dun concello galego percebe de media un 20% menos que o dun español.

"O seu goberno leva 7 anos en funcións: cero competencias reclamadas, cero transferencias conseguidas" (Francisco Jorquera)

“O seu goberno leva sete anos en funcións: cero competencias reclamadas, cero transferencias conseguidas”, reprochoulle Jorquera a Núñez Feijóo, “é a segunda lexislatura en branco en autogoberno para Galiza”, algo inédito, dixo, na historia da autonomía. “En cuestión de autogoberno, chegou vostede e mandou parar”, concluiu o nacionalista, citando a canción de Carlos Puebla. A resposta de Feijóo foi recoñecer que o sistema actual é prexudicial para Galiza, mais desbotar a oportunidade dunha revisión do modelo de financiamento cando hai “ameazas independentistas” como a de “Cataluña e Navarra”.

"Sete anos despois dunha xestión Made in Feijóo estamos moito peor" (Antón Sánchez)

Debate sobre o rural

Antón Sánchez (AGE) levou á sesión de control as dificultades que está a atravesar o rural galego. “Sete anos despois dunha xestión 'made in Feijóo' a realidade está moito peor”, asegurou, afirmando que desde a chegada do actual presidente, en 2009, destruiouse un de cada tres empregos no sector gandeiro e forestal de Galiza. Nomeou os casos acontecidos en Boiro, Chantada e Friol, de vacas abandonadas polas dificultades económicas dos gandeiros e preguntou a Feijóo polo seu balanzo das políticas para o rural.

"A vostede, señor Feijóo, non lle gusta falar coa xente real" (Méndez Romeu)

O presidente optou, na súa resposta, en se dirixir a AGE en todo momento como Podemos, cando este partido non fai parte da Alternativa, e afirmou que descoñecen o que é o rural galego: “O único verde que veu Pablo Iglesias é o da herba da facultade”, dixo, ao tempo que presumía da política do PP para o rural. Sánchez emprazouno a non “frivolizar” e acusouno de “covarde” por non responder as preguntas, lembrándolle que estaba a debater con “Antón Sánchez, de AGE, non con Pablo Iglesias, e eu si coñezo o rural”.

"Pablo Iglesias o único que coñece do rural é a herba dos xardíns da facultade" (Núñez Feijóo)

De costas á realidade

A quenda do portavoz socialista, Méndez Romeu, asentouse sobre os dados que indican a perda de empregos e o incremento da temporalidade e precariedade no mercado laboral galego. O deputado do PSdeG e candidato nas primarias acusou o presidente de vivir de costas á realidade e este respondeulle que coas políticas “do PSOE” o paro sería moito maior en Galiza. 

Comentarios