PLENO SOBRE CORRUPCIóN NO PARLAMENTO GALEGO (10 HORAS)

A corrupción, a debate: a oposición denuncia unha comparecencia trucada de Feijóo

Núñez Feijóo intervén hoxe no Parlamento nunha sesión monográfica sobre o que o seu goberno denomina ‘medidas de impulso democrático’. A oposición critica un formato de comparecencia preparada ‘a maior gloria’ do presidente e onde BNG, AGE e PSdeG apenas terán marxe de actuación.

parlamento de galiza

Núñez Feijóo comparece esta terza feira no Parlamento galego (10 horas) nun pleno monográfico extraordinario solicitado polo propio Goberno autonómico. Unha sesión convocada para explicar as que denomina “medidas de impulso democrático” que o Executivo popular quer impulsar fronte á corrupción. Chégase a esta cita após que o PP fixese ouvidos xordos das máis de 40 peticións feitas nestes anos desde a oposición para que rendesen contas polos episodios irregulares en que se teñen visto envolvidos cargos do Partido Popular. Peticións que, unha tras outra, o PP se encargou de vetar coa súa maioría absoluta a xeito de apisonadora.

Feijóo sobe hoxe á tribuna da Cámara do Hórreo para, en palabras do seu goberno, “cumprir co seu compromiso de comparecer na Cámara para abordar este debate e tratar de acordar coa oposición estas iniciativas”. Mais esa frase non reflicte para nada a realidade, coinciden desde a oposición, que considera que o formato da sesión converte esta nun “espectáculo cara á galería” e no que os grupos da oposición apenas van desenvolver un papel máis alá que oíntes.

Nestes anos de mandato de Feijóo varios foron os casos de corrupción nos que se ve salferido o seu partido: Pokemon, Zeta, Orquestra... Mais non se espera que o presidente se refira a a eles na súa intervención. As previsións son que se limite a expoñer compromisos máis ou menos ambiguos en torno a medidas de ‘rexeneración democrática’.

Queixa

O BNG remitiu á presidenta do Parlamento un escrito no que lle trasladaba o seu malestar polo formato da comparecencia. Os portavoces só terán 10 minutos de intervención, non terán coñecemento previo das propostas do goberno e non poderán presentar formalmente iniciativas. En palabras do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, “un mitin de Feijóo”.

Para AGE a sesión é “unha tomadura de pelo” e “unha parodia de comparecencia”, en palabras de Xosé Manuel Beiras. Censurou o portavoz da Alternativa Galega de Esquerdas que a oposición non poda facer achegas e criticou que se limitase o seu papel a ser meras “comparsas”.

Tamén os socialistas ven esta sesión como un “debate artificial” e mesmo a cualifican por boca do seu portavoz parlamentar Méndez Romeu de “falta de respeto”.

O exemplo de Rajoy

A comparecencia de Núñez Feijóo prodúcese dous meses despois de que o fixese Mariano Rajoy no Congreso para expoñer as súas medidas de loita contra a corrupción. Unha intervención aquela marcada pola demisión o día anterior da ministra de Sanidade, Ana Mato. Rajoy presentou naquela xornada 2 proxectos de lei aprobados polo seu Gobierno: o do control financieiro dos partidos e o que regulaba o exercicio dos altos cargos da administración.

Comentarios