Feijóo chama independentista a Jorquera e este pídelle que demita

O presidente da Xunta de Galiza teima en atacar ao portavoz parlamentar nacionalista en cada sesión plenaria. Os "pactos con Bildu" e o "independentismo" son empregados por Núñez Feijóo para fuxir das preguntas achegadas por Jorquera. 

"Non empregue as acusacións na súa quenda de réplica a sabendas de que non vou poder contestarlle". Francisco Jorquera aseguráballe hai semanas ao presidente da Xunta de Galiza que coñecía o seu proceder na quenda de preguntas que os grupos da oposición poden formular a través das súas portavocías nas sesións plenarias da Cámara. 

Alberto Núñez Feijóo acostuma a lanzar acusacións contra @s deputad@s da oposición na súa última intervención habida conta de que estes non poderán retrucarlle. O portavoz parlamentar do BNG sabe ben que a estratexia de Feijóo lle é útil para se safar das denuncias pola súa xestión de goberno. 

"Se non asume as súas responsabilidades dimita porque non é digno de ser presidente deste país" espetaba Francisco Jorquera esta cuarta feira no Parlamento a respecto do desmantelamento industrial que está a padecer Galiza verbo da falta de investimento pública e da inexistencia de financiamento nos principais sectores produtivos do país. "Barreras, Alimentos Lácteos, Navantia, Santa Bárbara... Cada empresa que abraza acaba na UCI", denunciaba o nacionalista. Porén, do presidente da Xunta de Galiza só obtivo máis unha comparativa coa "media do Estado" arredor das cifras de desemprego e crecemento económico. 

"A sociedade galega cada vez é máis consciente das súas mentiras señor Feijóo" insistiu o voceiro do BNG que no entanto, só recibiu por resposta o dedo acusador dun Feijóo que denunciaba "o xiro radical do BNG". Perante as demandas do nacionalista que exixiu a súa demisión, o presidente da Xunta apelou, sen vir moito a conto coa dialéctica parlamentar, á "independencia" defendendida pol@s nacionalistas para asegurar que con ela "non se van solucionar os problemas" os problemas de Galiza. 

Comentarios