Feijóo, en Catalunya: "Galiza ten elementos de nación sen estado"

Crónica da ponencia de Feijóo no Cercle d'Economia en Barcelona. VÍDEO NO INTERIOR.

B2FQwO3IgAEY9m9
photo_camera [Imaxe Irmandade TV]

Alberto Núñez Feijóo aterraba onte en Barcelona na xornada seguinte ao 9N. Facíao para participar no elitista e prestixioso foro de ideas dos empresários de Catalunya, o Cercle D'Economia. Sobre a unha da tarde o presidente da Xunta chegaba acompañado da líder do PP catalán, Alicia Sánchez-Camacho, a delegada do Goberno, Llanos Luna, e o profesor universitario e economista, Antón Costas, de orixe galega máis afincado en Catalunya e encarregado de presentar a conferencia do presidente da Xunta. Entre o público, estaba o seu "amigo" Josep Piqué e por volta dun cento de empresarios.

Feijóo comezou a súa intervención afirmando que traía "un texto medido", xa que era o día despois do 9N. Acto seguido presentou as súas credenciais galeguistas: "a miña galeguidade vaise expresar con máis énfase".

Feijóo comezou a súa intervención afirmando que traía "un texto medido" xa que era o día despois do 9N

Continuou cun repaso ás relacións históricas de Galiza e Catalunya citando a obra de Brañas que "influíu en Cambó e no catalanismo", así como os empresarios cataláns que ergueron industrias en Galiza como a naval ou a conserveira. Quixo escenificar continuamente que os galegos comprendemos moitas das reivindicacións catalás: "a imaxe do catalán na Galiza non ten os tópicos doutros lugares" ou "tamén alí criticamos os de Madrid"

Feijóo en varios momentos sobardou o discurso oficial do PP afirmando con contundencia que Galiza tiña un idioma "vello como o que máis" e unha relación de "máis de 11 séculos co norte de Portugal".

Núñez Feijóo aproveitou a ocasión para debullar a súa idea de estado, o proceso independentista catalán ou a opinión que ten de Galiza e o nacionalismo galego. En parte, sorprendeu con afirmacións ás que non acostuma cando está no País.

"Daquela estaba de moda dicir que Galiza era unha nación. Eu puiden pactar mais preferín seguir na oposición"

Foron varias as veces que se referiu ao nacionalismo galego e o seu programa político. "Os nacionalistas galegos teñen os mesmos obxectivos que os daquí. Eles pactan con Bildu e ERC". Houbo tempo tamén para que lembrara o tempo no que se debateu a reforma do estatuto. "Os nacionalistas chamáronme para pactar o estatuto. Daquela estaba de moda dicir que Galiza era unha nación. Eu puiden pactar mais preferín seguir na oposición". Tamén para tentar confrontar o feito diferencial catalán tirou de feito diferencial galego. Nesta liña citou a grande cantidade de núcleos de poboación, o envellecemento ou a dispersión. Nunha disertación neste sentido interpelou ao público: "saben vostedes que din os nacionalistas galegos? que a forza eléctrica é galega e o prezo non pode ser tan caro".

Feijóo, que á pregunta deste redactor negou que chegaba a Catalunya para escenificar unha posición política, aínda tiña unha pérola máis para a hemeroteca: "Galiza ten elementos de nación sen estado".

Hai quen interpreta que Feijóo pretende proxectar unha imaxe distanciada do PP de Madrid para poder recuncar na presidencia da Xunta unha vez que xa ve difícil voar alto en Madrid.

Comentarios