Feijóo bota balóns fóra e elude dar explicacións a respecto dos casos de corrupción no PP

Falar de todo menos do que se lle pregunta, esa é a estratexia que está a seguir o presidente da Xunta de Galiza perante as preguntas da oposición nos plenos do Parlamento. O líder do executivo galego non deu resposta esta terza feira a ningunha das cuestións que lle achegaron as portavocías de BNG, AGE e PsdeG.

Tocáballe esta terza feira ao presidente do Goberno galego enfrontar a situación que se está a viver no concello de Santiago. Após as últimas imputacións e detencións decorridas nos últimos meses e que puxeron na picota a boa parte da equipa municipal do Partido Popular na capital galega, Alberto Núñez Feijóo limitouse ás calificar como anormal. Porén, os grupos da oposición exixían esta mañá no Parlamento explicacións a respecto das decisións que prevé adoptar o líder d@s populares e presidente da Xunta a respecto dun concello asediado polos casos de corrupción.

Jorquera (BNG): "Só se pode rexenerar a institución municipal disolvéndoa e devolvendo a voz á cidadanía" 

Porén, o mandatario rexeitou responder as preguntas formuladas por Francisco Jorquera (BNG) e Yolanda Díaz (AGE) –como tamén o fixo a respecto da achegada polo PsdeG-- e limitouse a recuncar nas súas declaracións anteriores e asegurar que non lle ten “medo nin á lei nin á xustiza”.

As súas respostas valéronlle a acusación do portavoz do Bloque que o acusou de ser o “campión do escaqueo” porque, dixo, “porque elude exercer as súas responsabilidades”. Francisco Jorquera retrucou ao líder d@s populares asegurando que “malia a vivir en Monte Pío debía ser vostede a única persoa en Compostela que non sabía o que buscaba Conde Roa”. O nacionalista interpelou a Núñez Feijóo exixíndolle responsabilidades en tanto que presidente do Partido Popular e da Xunta e demandoulle exercer as súas funcións “para disolver a corporación e convocar eleccións” de acordo co disposto no artigo 61 da Lei de Bases do Réxime Local. “Non chega con que procure lavar a cara coas súas declaracións” denunciou o voceiro nacionalista, “ten que tomar medidas”.

Díaz (AGE): "O concello de Compos cheira como a Dinamarca de Shakespeare"

No entanto, Alberto Núñez Feijóo non ía disposto a responder aos inquirimentos da oposición e botou balóns fóra en cada unha das súas respostas, malia a que a situación acutal na administración compostelá foi mesmo equiparada co cheiro “da Dinamarca de Shakespeare”, como asegurou a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz.

Nin a saída de Beiras da Cámara, que após ser reprendido pola presidenta Pilar Rojo decidiu ausentarse do pleno, fixo mudar de actitude a un Núñez Feijóo franqueado polo seu partido para evitar que as explicacións que esta terza feira exixían desde a oposición se convertesen nun pleno monolítico como ben lle lembrou o líder d@s socialistas Pachi Vázquez, após vetar o Partido Popular a comparecencia de Feijóo exixida polo seu grupo.

Comentarios