Interrogatorio na Audiencia Nacional

Feijóo avala Rajoy: "Contou o que sabe"

Cimeira Rajoy-Feijóo
photo_camera Rajoy e Feijóo nunha das súas reunións na Moncloa

Especialista en descarregar nos outros as súas responsabilidades -chegou a declarar que nos anos en que Pablo Crespo dirixía o PPdeG el non militaba no partido-, Feijóo non dubidou esta cuarta feira en respaldar sen fendas o testemuño de Rajoy na Audiencia Nacional. "Todos os que estamos co presidente Rajoy estamos tranquilos e satisfeitos coa súa actuación e coas súas declaracións", dixo o titular do goberno galego.

En declaracións realizadas en Ourense e recollidas por Europa Press, o presidente da Xunta afirmou que o seu chefe político "contou o que sabe". Daba así Feijóo por boa a versión de Rajoy de que el, como máximo dirixente do PP, non estaba ao tanto de como se xestionaban as finanzas do partido.

"Os que pretendían axuizar [Rajoy] estarán un pouco decepcionados", dixo Feijóo, quen salientou que o presidente do goberno español "acudiu tranquilamente a declarar como testemuña" e que ao axir así "cumpriu coas súas obrigas coa Constitución e coa lei", tal e como faría "calquera cidadán cando un xuíz lle pide que declare".

"Contar o que sabe é o que ten que facer unha testemuña. Dar testemuño do que sabe, do que pode dicirlle a un tribunal e iso é o que fixo", declarou Feijóo.

Rajoy foi interrogado a respeito da súa relación con Crespo. Alegou que mantivo un vínculo só político e nada estreito no persoal. Crespo é unha figura chave na Gürtel e foino tamén na financiación do Partido Popular na Galiza, formación da que foi secretario de Organización durante o período 1995-1998.

Hai un elo, aliás, que vincula Crespo con Feijóo. Aquel foi membro do Consello de Administración de Portos de Galiza durante o período 1998-2005 en representación da Consellaría de Política Territorial. Pois ben, Feijóo mantivo Crespo nese cargo durante os dous anos e medio (xaneiro de 2003-agosto de 2005) en que foi titular dese departamento gobernamental, embora xa naquela altura eran coñecidas no partido as actividades irregulares do seu ex secretario de Organización.

En 2009, Feijóo declarou a Público sobre a presenza de Crespo en Portos da Galiza: "Que eu saiba nen sequer aparecía por aí, nen eu sabía por suposto que estaba nomeado", di, embora o político de Vilagarcía de Arousa representase a Consellaría no organismo público.

A saída de Crespo de Portos da Galiza só se produciu cando, após o PP perder as eleccións galegas en 2005, foi relevado do seu cargo polo bipartito.

Comentarios