Nunha entrevista de luva branca na TVG, Feijóo di que Galiza ''non está en crise''

Cando se cumpre un ano desde que gañou as eleccións á Xunta, o mandatario galego mantivo unha conversa na televisión pública cos directores de Faro de Vigo, El Progreso e ABC, para alén da propia xornalista da TVG. Non houbo preguntas sobre o Concello de Santiago, nin sobre Marcial Dorado, nin sobre o repagamento dos fármacos, nin sobre o ensino e a LOMCE, nin sobre... 


Lembran aquel vídeo que puxo en circulación o PP na campaña eleitoral do 21-O, hai un ano, en que aparecía unha sala de aulas e unha crianza erguía a man para preguntar, mais quen facía a pregunta e daba a resposta era o propio Feijóo? Este: 


Pois algo así foi a entrevista que a TVG anunciou para a noite desta segunda feira. Porén, no canto dunha crianza, quen erguía a man para preguntar eran os directores de dous dos xornais que máis subvencións reciben do goberno que preside o entrevistado (Faro de Vigo e El Progreso), acompañados do director dunha terceira cabeceira de coñecidas simpatías políticas, o ABC.

Pouco máis se podía agardar que o que deu de si unha conversa que encetou coa pregunta "Cal foi a decisión máis difícil que tivo que tomar?". Quedou claro, por tanto, que @s catro xornalistas alí presentes foron á televisión pública para lle pasar a man polo lombo a Feijóo.

Nin Xoán Carlos da Silva (Faro), nin Bieito Rubido (ABC) nin Lois Caeiro (El Progreso) nin a propia condutora da entrevista, Marta Darriba (TVG) achegaron cuestión algunha que puxera nun apreto o entrevistado. Nada sobre un concello, o de Santiago, gobernado por 10 imputad@s, tod@s do PP.

Nada sobre un barco, o do narcotraficante Marcial Dorado, e unhas fotos na cuberta alá por 1995. Nada sobre uns orzamentos, os da lingua, que son máis cativos que os que Fraga aprobara hai 20 anos. Nada sobre unha folga, a do 24-O no ensino, onde máis de 65.000 estudantes galeg@s rexeitaron a LOMCE.

Nada sobre o repagamento dos fármacos a doentes crónicos, contra os cales hoxe mesmo BNG e PSdG-PSOE anunciaron mocións en todos os concellos do País. Nada sobre a vulneración dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres nin sobre a violencia machista, malia que na Coruña 10 mulleres levan 15 días en folga de fame exixindo "protección real" e criticando o "silencio cómplice" do goberno que el preside. Nada sobre @s 20.000 emigrantes galeg@s con pensións doutros países que están no albo da Facenda española.

Daquela, que preguntaron? 

Para alén da decisión máis difícil á que se enfrontou --a resposta foi "o máis difícil é estar á altura todos os días--, a xornalista da TVG tamén quixo saber se o líder do PP na Galiza vía "un castigo"no inquérito sobre intención de voto que publicou recentemente La Voz de Galicia, o medio que máis diñeiro público embolsa. A resposta, previsíbel: "se o inquérito di que nos presentamos a unhas eleccións e volvemos quitar maioría... non o vexo como un castigo".

Dixo despois que o seu goberno estaba a "ampliar ou construír" cinco hospitais --algún que outro con financiamento privado, coma o de Vigo--; que creara 6.000 prazas de educación infantil e 18.000 en comedores escolares --como o fixo e onde o fixo, se en tres anos eliminaron 145 unidades e fecharon 12 escolas?--; e que en 2015 na Galiza comezaría a se crear emprego. O mesmo dixo a respeito de 2012, por exemplo:



"Galiza atravesa unha crise mais non está en crise porque ten un goberno e unhas institucións que funcionan", permitiuse dicir o mandatario, quen falou do naval como "unha carreira de obstáculos porque nos atopamos os estaleiros quebrados" e acrecentou que sen a intervención da Xunta do PP "non poderiamos falar de futuro porque non habería estaleiros". 

Tamén lle preguntaron pola venda de Novagalicia Banco. E non foi Feijóo quen manifestou a súa preocupación perante a posibilidade de quedar sen unha entidade bancaria "eminentemente galega" senón... Bieito Rubido! O ABC! A este respeito o presidente galego só sinalou que "non somos sospeitosos de non defender os intereses de Galiza" e Lois Caeiro (El Progreso), no que pretendía ser unha pregunta, só atinou a dicir que "non será indiferente quen merque NGB".

Chegou a quenda d@s estafad@s coas participacións preferentes. A pregunta formulouna Marta Darriba, da TVG e, após unha introdución en que lembrou a mobilización desta fin de semana en Compostela, foi a seguinte: "Hai algo que se poida facer por eles?" E Feijóo respondeu que "o señor Ignacio González --o seu homólogo en Madrid-- non me di que os preferentistas de Bankia lle imputen a el a responsabilidade". 

Por derradeiro, defendeu a teima do PP en reducir a 61 o número de escanos no Parlamento galego así como a fusión entre concellos --como a executada entre Oza e Cesuras con boa parte da veciñanza en contra--. A única referencia á situación da lingua propia da Galiza no ensino foi esta: "incrementamos as prazas de alumnado que está a aprender unha terceira lingua".

Comentarios