Sesión de control

Feijóo leva ao Parlamento e contra Villares a polémica pregunta de Senra sobre as vacinas

O portavoz de En Marea reprochaba o PP os recortes en Sanidade, como os feitos en vacinas. “Non hai forma de tomalo en serio”, díxolle o presidente. 

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP
photo_camera Feijoo parlamento pedro puy xunta PP

A polémica xerada pola pregunta de Lidia Senra no Europarlamento sobre as vacinas chegou esta cuarta feira ao parlamento galego, na sesión de control ao presidente. Núñez Feijóo botou man da polémica cuestión para usala como resposta contra o portavoz de En Marea, Luis Villares, e a súa pregunta sobre o desmantelamento da sanidade pública en Galiza. Villares puxo como un dos exemplos deses recortes a política en vacinas da Xunta e ao presidente faltoulle tempo para amosar a súa satisfacción: “Por fin fala de vacinas o señor Villares!”, exclamou. E a seguir lembroulle a polémica pregunta da eurodeputada cuestionando as vacinas. “Dígollo en serio, non hai forma de tomalo en serio”, dixo Feijóo, que pediu ao portavoz de En Marea “que vacine o seu grupo contra a demagoxia”. Esta polémica ensombreceu o contido das preguntas de Villares, que incidían nos recortes e mermas na sanidade pública galega e nos seus prexuízos e danos sobre as persoas usuarias.

Fernández Leiceaga puxo sobre a mesa o desleixo do goberno en materia de financiamento para Galiza. Reprochoulle que non actuase ou deseñase un roteiro para seguir nun tema de tanta importancia para o país. O portavoz do PSdeG sinalou que os mecanismos extraordinarios activados por Montoro prexudicaron o nosos país: Catalunya recibiu 5.000 millóns de euros adicionais e Galiza apenas 29 millóns, “a peor tratada de todas as comunidades autónomas”.

“Vende fume ou búrlanse de vostede”

Ana Pontón aproveitou a sesión de control para volver a denunciar a “irrelevancia”b de Feijóo e os custos que iso ten para o país. Enumerou cuestións como a suba das peaxes da AP9, que en Galiza os prezos do combustíbel son os máis caros do Estado. Tamén temas como a marxinación de Galiza nos orzamentos do estado, os retrasos do AVE a exclusión do corredor atlántico... “Vende fume ou están a burlarse de vostede?”, preguntoulle Pontón, que realizou tres propostas concretas para que o presidente formulase na xuntanza que vai ter co ministro de Fomento: parar a suba das peaxes, que Audasa asuma o custo da ampliación e que se levante o veto á transferencia. Feijóo non deu resposta a esas propostas mais, iso si, botou as culpas ao bipartito e os gobernos de Zapatero.

Comentarios