Feijóo aposta pola continuidade do seu actual gabinete

O presidente en funcións declarou que non prevé realizar cambios n@s titulares das consellarías, que manterá en oito. Feijóo declarou estar a reflexionar a respecto de se fará incompatíbel ser titular dalgún departamento con manter a acta de deputad@, como decidira na anterior lexislatura.
Consello da Xunta de Galiza
photo_camera Consello da Xunta de Galiza

A lexislatura que se abrirá a partir do próximo día 16 --data en que se constituirá o novo Parlamento-- estará marcada pola continuidade. Continuidade nas políticas, despois de que o Partido Popular renovase a súa maioría parlamentar, mais tamén continuidade nas persoas que desde o executivo galego as desenvolverán.

Alberto Núñez Feijóo non prevé realizar cambios na composición do seu gabinete, actualmente integrado por oito conselleir@s. Aliás, non reducirá o número de carteiras. Así o manifestou nunha entrevista radiofónica en que o presidente en funcións amosou a súa satisfacción co equipo que o acompañou nos últimos anos á fronte da Xunta. Feijóo declarou asemade estar a reflexionar a respecto de se manterá ou non o criterio de que @s conselleir@s renuncien ás súas actas de deputad@s, toda hora encabezaron en posicións moi destacadas as candidaturas provinciais.

Delegacións territoriais

Tampouco se agardan cambios na estrutura territorial da Xunta, onde se dá por feita a continuidade d@s delegad@s provinciais, ou da maioría destes. Neste sentido, e a falta de confirmación formal que virá tras a constitución do Parlamento e da elección de Presidente, fontes ás que tivo acceso Sermos Galiza aseguraron entre outras a continuidade de María José Bravo Bosch á frente da delegación de Vigo, o que na cidade olívica se interpreta como un movemento orientado a reforzar a súa figura cara ás eleccións municipais de 2014.

Comentarios