O PP, SEN PROPOSTAS

Feijóo, ao candidato de Ciudadanos pola Coruña: “Que non te cambien!”

O presidente da Xunta e líder do PP enfrontou o segundo día de campaña cunha xornada de paseos en Bertamiráns e Pontevedra. No primeiro lugar coincidiu co cabeza de lista de Ciudadanos pola Coruña, José Canedo, ao que abrazou e lle pediu “que non te cambien!”.

[Imaxe: @RubenRguezVquez] Feijóo abraza Canedo, cabeza de lista de Ciudadanos pola Coruña
photo_camera [Imaxe: @RubenRguezVquez] Feijóo abraza Canedo, cabeza de lista de Ciudadanos pola Coruña

Afastado dos grandes actos públicos, Feijóo inclínase por unha campaña de “ti a ti”, por paseos por rúas comerciais e mercados. Este sábado, o presidente da Xunta elixiu Bertamiráns (Ames) e Pontevedra para se deixar ver. Precisamente, en Bertamiráns bateu co candidato de Ciudadanos pola Coruña, José Canedo.

Mentres os compañeiros e compañeiras de formación de Canedo se afanaban en evitar a foto da aperta entre o cabeza de cartel da formación liderada por Albert Rivera e Feijóo, o dirixente do PP non perdía ocasión de conseguir a instantánea e dirixíase a Canedo para lle pedir: “Que non te cambien, Dille aos teus que non te cambien. Que llo digo eu!”, en alusión ao polémico cambio de cartel de Ciudadanos pola Coruña que provocara unha forte crise interna na formación.

O presidente da Xunta conseguía, así, a imaxe do día abrazado a un representante do que podería ser a muleta na que se apoiase para continuar como xefe do Executivo galego. E é que todo apunta que, para recuncar como presidente, e se aritmética llo permite, sería inevitábel o apoio de Ciudadanos.

Con bolis e caramelos e á busca de fotografías

No paseo por Bertamiráns, o presidente da Xunta, que repartía bolígrafos e caramelos, buscaba as fotografías cos viandantes e trataba de gañarse aos vendedores e vendedoras con compras en diferentes postos.

Na xornada da tarde, nesta ocasión en Pontevedra, Feijóo repetiu estratexia e, acompañado de Ana Pastor e Alfonso Rueda, entre outros dirixentes do PP, deixouse ver en distintas tendas.

O PP apela a Venezuela onde "non hai nin papel hixiénico"

Tamén na mañá do sábado, o PP repartiu bolígrafos e caramelos nas rúas de Santiago, seguindo a liña de campaña do primeiro día. A anécdota deste reparto chegou dos micrófonos da Cadena Ser, que recolleu como a candidata ao Senado Paula Prado emprazaba un señor a votar o PP se non quería que "isto se converta en Venezuela, onde non hai nin papel hixiénico".

No que vai de campaña, o PP aínda non presentou nin unha soa proposta para Galiza. Tan só, por boca de Feijóo, elevou o crecemento da economía galega ao 2,8% para 2016, unha revisión á alza de tres décimas, e indicou que a perspectiva é que o paro volva a niveis de antes da crise. Trátase dun anuncio fortemente respondido pola oposición, que advirte do seu carácter electoralista.

Comentarios