Feijóo, ao BNG: "As costas españolas gobérnaas España"

O presidente da Xunta rexeita demandar a Madrid a transferencia de competencias para evitar unha nova catástrofe ecolóxica coma a do Prestige mentres o BNG denuncia que "Galiza continúa igual de desprotexida" que hai 11 anos. 

Foto da Pregunta de F.Jorquera
photo_camera Foto da Pregunta de F.Jorquera

Alberto Núñez Feijóo pediu esta cuarta feira ao portavoz parlamentar do BNG non pór en cuestión "a soberanía española" após demandarlle Francisco Jorquera que reclamase a Madrid a transferencia de competencias marítimas. En resposta ao voceiro nacionalista, Feijóo acusou a organización frontista de ser pouco demócrata por denunciar "a impunidade" da sentenza ditada pola Audiencia provincial en relación coa catástrofe do Prestige. 

Francisco Jorquera lembrou ao presidente da Xunta que Galiza non conta nen "con buques anti-contaminación", embora sexa o segundo país do mundo "após Sudáfrica" onde máis mareas negras se producen. "Sabe que aconteceu co único que tiña? Foi vendido para ser gasolineira flotante en Ferrol", sinalou o voceiro do Bloque. 

Sen capacidade de decisión após 11 anos

Para a organización frontista, Galiza "continúa igual de indefensa" e "desprotexida" que hai 11 anos, unha realidade que apoñen a que as competencias en materia de seguridade e salvamento marítimo se residencian en Madrid. "É a consecuencia de gobernar de costas ao noso país, desde a Meseta" e de que "o noso mar", advertiu, "dependa de Madrid". 

Mais para Alberto Núñez Feijóo "as costas españolas gobérnaas España" e o contrario, dixo, é pór en cuestión a súa "soberanía". Neste senso, o líder do executivo galego declinou posicionarse a respeito das demandas do BNG que exixe sexan transferidas as competencias en materia marítima ao goberno galego [esta terza feira, nen PP nen PSOE deron o seu apoio a unha proposta do BNG para que fosen transferidas]. 

Jorquera: "Galiza continúa igual de indefensa e desprotexida que hai 11 anos como consecuencia de que o noso mar dependa de Madrid"

Para @s nacionalistas, a falta de capacidade de decisión influíu de maneira directa nas dramáticas consecuencias da catástrofe do Prestige. Unha catástrofe --a máis grave das producidas en Europa nas últimas décadas-- que fica sen xulgar para a organización frontista. Desde o BNG aseguran que a sentenza ditada pola Audiencia provincial da Coruña é propia dunha "monarquía bananeira" e deixa sen xulgar "os responsábeis políticos" do acontecido, entre eles o actual presidente do Goberno español, Mariano Rajoy e o ex-ministro, Francisco Álvarez Cascos. 

"Contaminar Galiza sae debalde"

"Cre que hai xustiza no Estado español?", inquiriu Francisco Jorquera. O parlamentar nacionalista botou man da xurisprudencia sentada polos poderes xudiciais doutros Estados, con sentenzas en que si se determinaron responsabilidades. Entre elas, a de Ecuador onde o Estado condenou a petroleira Chevron a pagar unha indemnización de 9 mil millóns de dólares polos danos causados na selva do Amazonas. Entrementres, afirmou Jorquera, "Galiza sofre unha nova humillación" cunha sentenza que, dixo, "lanza unha mensaxe de impunidade, contaminar Galiza sae debalde". 

Pola súa banda, o presidente da Xunta recuncou na estratexia que está a desenvolver o seu goberno desde que se deu a coñecer o fallo xudicial e asegurou que se sente tan "indignado" polo contido da sentenza "como o pobo galego, o asturiano, o cántabro, o basco e Franza". Mais amosouse certo de que a responsabilidade da catástrofe non é política, senón "da armadora, a aseguradora e a clasificadora", esa --ABS-- que o goberno desimputou. 

Mais para o BNG "o único que pretenden con Mangouras" --único condenado pola catástrofe-- "é que sexa un cabeza de turco, por certo", acrecentou, "igual que en Angrois". 

Comentarios