A XUNTA PEDIRá O INGRESO DE GALIZA NA COMUNIDADE DE PAíSES LUSóFONOS

Debate: Feijóo anuncia rebaixas fiscais e un cheque bebé para un 2016 eleitoral

O presidente da Xunta defendeu no seu discurso na Cámara unha xestión da crise que evitou “males maiores” e apóntase ao guión do inicio da recuperación. Entre as promesas feitas na intervención, a de que adoptará medidas para que Galiza “se incorpore” á comunidade de países lusófonos, CPLP.

Parlamento galego

O peor da crise xa pasou e co inicio da recuperación é posíbel 'abrir a man' e compensar a cidadanía polos 'esforzos' destes anos. Núñez Feijóo botou man no seu discurso do último debate do estado da nación desta lexislatura do argumentario que emprega Mariano Rajoy nas súas intervencións no Congreso español e tamén usado polos candidatos do PP nas eleccións andaluzas e cataláns.

Este novo escenario de recuperación, sostivo o presidente galego, implica “novas políticas e novos equipos” que se “adecúen” ás “demandas da xente”. Algo que se plasmou nos recentes cambios de goberno, unhas mudanzas que dixo conectan co “sentir popular” e procuran que “a recuperación chegue a todos”. Un executivo para encetar unha nova etapa, insistiu Feijóo na súa intervención, da que xa anunciou varias medidas para o ano electoral 2016.

Promesas

Un cheque bebé de 100 euros mes a todas as crianzas nadas a partir do 1 de xaneiro, medida que acompañará de bonificacións a familias numerosas e axudas a gardeiría. Unha rebaixa no tramo autonómico do IRPF que fará de Galiza “unha das comunidades co imposto máis baixo para rendas baixas e medias”, afirmando que é a rebaixa “máis importante da historia da autonomía”. E, en terceiro lugar, medidas para que “o 99% dos galegos non paguen o imposto de sucesións”. Estes foron tres dos grandes anuncios feitos por Feijóo neste debate, coas vista posta nun 2016 no que haberá cita coas urnas en Galiza. Non os únicos, tivo para máis, como que en 2016 o sistema sanitario incluirá 10.000 novos dependentes.

Tamén afirmou o presidente que o Orzamento para 2016 contempla un incremento do 5% a respeito do actual, o maior aumento desde as contas de 2008. Uns 400 millóns adicionais que, na liña de insistir en que a Xunta traballa para que “a recuperación chegue a todos”, vai dirixir aos sectores máis desfavorecidos.

Recuperación nos fogares e Galiza na CPLP

A defensa da xestión do goberno durante estes anos foi unha constante, escudándose en que as medidas que adoptaron foron as obrigadas para evitar “males maiores”. Foi, dixo, froito desa “política responsábel” que no 2016 os orzamentos irán a que galegos “perciban a recuperación nos seus fogares”. O repaso polas diferentes áreas (sanidade, educación, agro, medio rural...) foi unha enumeración do que quixo presentar como compromisos ou éxitos da administración nestes anos.

Tivo tempo Feijóo nas súas case dúas horas de intervención para anunciar diferentes actuacións sectoriais. No que atinxe ao idioma, falou dun Plan de Dinamización lingüística para a mocidade e “medidas” para que Galiza “se incorpore” á CPLP, a comunidade de países lusófonos. Non faltou a defensa da “España das autonomías, na que nos sentimos libres” e as críticas a unha Catalunya que “quer fuxir da realidade” presa de “identidades destrutivas e fratricidas”. 

O presidente puxo o ramo ao seu discurso cun "grazas, Galiza" e un "non hai maior honra que servir Galiza" que pronunciou emocionado, nunha frase que algúns interpretan como unha chiscadela de despedida e volta a pór sobre a mesa o debate a respeito da continuidade de Feijóo no país ou ben dá o chimpo á política estatal.

Valoración da oposición

O discurso de Feijóo tivo unha primeira valoración -e a falta das intervencións da tarde- dos portavoces dos grupos parlamentares perante os medios nos propios corredores do Parlamento. Para Francisco Jorquera (BNG), foi un discurso no que "calquera parecido coa realidade é pura coincidencia", unha intervención propia dun "arrogante" disposto a salvarse a si propio "a costa de arruinar o país" e que quer facer crer "que nun ano vai facer o que non fixo en sete". Xosé Manuel Beiras (AGE) afirmou que é "difícil sobrevivir neste espectáculo. Un insulto á cidadanía, pero congruente coas súas políticas de agresión". "Feijóo demostrou que é un desmemoriado e é un desalmado. Se cadra é un androide", concluíu Beiras. 

Polo PSdeG compareceron o seu voceiro parlamentar, Méndez Romeu, e o seu secretario xeral, Gómez Besteiro, que manifestou que "Feijóo fixo un discurso de despedida. Non hai máis que un adeus. Galicia non existe".

Comentarios