O presidente da Xunta anuncia un buque para Navantia en precampaña

A un día de dar comezo a campaña electoral o presidente da Xunta anunciou que Navantia-Ferrol construirá un buque para a Marina española por valor de 200 millóns de euros e 30 meses de traballo para o estaleiro público. 

navantia
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]

Trátase dun Buque de Acción Marítima encargado pola Marina española por valor de 200 millóns de euros. O anuncio produciuse esta cuarta feira (7 de maio) e foi feito público polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, pouco antes de se reunir co presidente da SEPI, Ramón Aguirre e o alcalde ferrolán,  José Manuel Rey Varela, para "concretar" os detalles do contrato. 

A xuntanza foi anunciada pola Xunta de Galiza esta mesma mañá a poucas horas de se producir. Un intre que o líder do executivo galego aproveitou para gabar as boas relacións entre o Goberno español e o galego que describiu como "fluídas, leais e correctas" malia "diverxencias" puntuais, acrecentou. 

O buque gris prometido polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro hai unhas semanas materialízase pois nesta encomenda que lembra a promesa electoral de Feijóo en plena campaña ás eleccións do Parlamento de Galiza e que lle custou unha reprimenda por parte da Xunta eleitoral quen obrigou o goberno galego a retirar as imaxes, vídeos e notas de imprensa vencelladas aos prometidos floteis de Pemex por vulnerar a lexislación

Comentarios