Sesión de control

Feijóo afirma que estamos no semestre máis positivo para Galiza

O presidente da Xunta fai un balanzo positivo destes seis meses de lexislatura, mentres En Marea, PSdeG e BNG denuncian o “desgoberno” e a “sumisión” do executivo galego perante Madrid.

[Imaxe: Lavandeira] Feijóo
photo_camera [Imaxe: Lavandeira]

O Parlamento acolleu esta cuarta feira a última sesión de control ao presidente deste período da lexislatura, un debate no que Feijóo defendeu a súa xestión (“É o mellor semestre desde que son presidente”) ao tempo que disparaba contra a oposición co habitual cargamento de argumentos que o presidente emprega nas sesións de control: desde o legado do ‘bipartito’ até Venezuela.

A sesión comezou cunha queixa formal de Ana Pontón (BNG) pola decisión do presidente da Mesa de acumular preguntas da oposición, o que implica, dixo, “desvirtuar a sesión de control”. O primeiro en intervir na quenda de preguntas foi o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que convidou Feijóo a rachar relacións institucionais con Fomento, un ministerio que “despreza o parlamento galego”.

Ana Pontón tamén criticou o “segundo veto vergoñento” do PP a debater no Congreso o traspaso da AP9  mentres Rajoy reserva os millóns que fagan falla para resgatar as radiais madrileñas. Ferroatlántica, a emigración xuvenil, a greve de transporte ou o financiamento. Para a portavoz nacionalista, o balanzo de curso de Feijóo merece como nota “un suspenso como unha catedral”. Luís Villares (En Marea) cargou tamén contra a xestión do presidente da Xunta, á quen acusou de “desgoberno” e de ter para Galiza como único plan “o inmobilismo”.

“Nunca me sentín tan feliz de ser presidente de Galiza como agora”, respondeu Núñez Feijóo ás críticas. “É o semestre con máis noticias positivas para Galiza desde 2008”, engadiu, para a seguir tratar o tema do veto a AP9. Nin unha crítica para o ministro de Fomento ou a presidenta do Congreso polo veto a debater esta transferencia. A cambio, criticou reiteradamente BNG e PSdeG por, afirmou, vetar a transferencia no pasado. Feijóo acusou tamén BNG e En Marea de se poñer da lado da patronal na greve de transporte e bateu contra a oposición por se dedicar a “facer ruído”. Non como el, que como exemplo do seu interese e preocupación polos galegos dixo que “estamos do lado dos galegos que son expropiados e secuestrados en Venezuela”.

Comentarios