Núñez Feijóo afirma que decidiu con Rajoy a súa continuidade en Galiza

O presidente da Xunta dixo que o seu goberno é a única garantía de estabilidade nas autonomías. Adiantou que haberá “renovación de caras” no PPdeG e avalou os cambios en Madrid.


O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este domingo que tomou a decisión de continuar en Galiza tras consultalo co presidente do seu partido e do Executivo central, Mariano Rajoy, durante unha entrevista na Radio Galega. 

Feijóo dixo que o seu goberno é a única garantía de estabilidade nas autonomías, onde os populares conservan a única maioría absoluta, e criticou as alianzas en outras comunidades. “Os galegos me votaron para ser o presidente da Xunta e, en consecuencia, trato de ser coherente”, afirmou.

“Todos temos que poñernos as pilas, empezando por min”, recoñeceu Feijóo, que avalou os cambios feitos por Rajoy

Avanzou que haberá “renovación de caras” no PPdeG, que ten previsto realizar o seu Comité Nacional o próximo ano, mais considerou que a prioridade agora son as eleccións xerais. “Todos temos que poñernos as pilas, empezando por min”, recoñeceu Feijóo, que avalou os cambios feitos por Rajoy no partido.

O presidente da Xunta manifestou que o PP ten que cambiar de políticas para “acompasar a recuperación económica”. Nese sentido, explicou que as medidas sociais das últimas semanas son posíbeis agora polas políticas de axuste do seu goberno. 

Tamén falou dos novos alcaldes das mareas, con quen dixo estar disposto a colaborar “se teñen o mesmo respecto que a Xunta ten cos concellos”. Sobre as próximas eleccións autonómicas, Feijóo considerou que “por primeira vez non hai unha alternativa ao PP, senón un cúmulo de coalicións co único obxectivo de que non goberne o que gaña as eleccións”. 

Comentarios