luns 28/09/20
O Congreso do PP

Feixóo di agora que sería unha falta de respecto intentar condicionar a opinión dos delegados

Casado pode agardar sentado: Feixóo non vai pedir o voto para el, salvo xiradela de guión de última hora. Visto como está o taboleiro do PPdeG —con destacados dirixentes a se posicionar a prol de Soraya— o líder conservador galego opta por manter a neutralidade aparente. E di algo máis: sería unha falta de "respecto" utilizar a súa posición "preeminente" para condicionar o sentido de voto dos e das delegadas do PPdeG ao congreso.

Imaxe do acto en que Feixóo anunciou que non concorrería como candidato ao congreso do PP
Imaxe do acto en que Feixóo anunciou que non concorrería como candidato ao congreso do PP

No sprint final, Feixóo opta por non se posicionar abertamente a prol de Pablo Casado, de quen en teoría está máis próximo, dado o seu histórico confronto con Soraya Sáenz de Santamaría. A súa aparente neutralidade explícase por dous factores. Primeiro, porque o PPdeG está fraccionado ao respecto. Segundo, porque o combate é moi incerto e Feixóo non se pode permitir o luxo de apadriñar un eventual perdedor. Hai outro elemento a considerar: as posicións políticas de Casado son excesivamente extremistas e se poden entender na chave do PPdeE, confrontado agora cun Cs emerxente, mais son máis difíceis de ecuacionar na lóxica do PPdeG, un partido-movimento que supera largamente 40 por cento do voto no conxunto da Galiza e que podería ver perigar os caladoiros máis centristas se se decantar por unha deriva neo-aznariana.

Todos estes factores pesan no ánimo de Feixóo, quen, con todo, nas últimas horas tivo que lidar coas intensas presións do sector de Casado para que se inclinase abertamente pola opción do vicesecretario de Comunicación do PP. Feixóo non o fará porque non o ve claro. A súa opción o 5X —Cospedal— xa perdeu nun dos territorios galegos —Ourense. Para Monte Pío sería letal unha nova derrota interna.

Como vestiu o asunto o líder da formación conservadora galega na súa comparecencia perante os meios desta quinta feira após o consello da Xunta? Pois co argumento de que sería unha falta de "respecto" que el como dirixente utilizase a súa "preeminencia" para influír nas e nos compromisarios galegos ao congreso. Un razoamento que por unha banda lle permite gardar certa equidistancias e que, por outra, contén un reproche implícito aos executivos do PPdeG —Manuel Baltar, Xosé Manuel Barreiro, Pilar Rojo— que se teñen significado a prol da candidatura de Santamaría.

Interpelado directamente na conferencia de imprensa por se avala Pablo Casado como novo líder, Feixóo negouno nestes termos: "Non é certo porque, en primeiro lugar, me parece unha falta de respeito que eu lle pida algo a alguén. O que si vou [facer] é escoitar o que os compromisarios me queiran dicir e imos ser moi respeitosos coas decisións dos compromisarios". "Non me parece que un dirixente autonómico, ou outro dirixente, deba utilizar a súa preeminencia no cargo para influír, para determinar e para presionar nengún compromisario", engadiu,

Feixóo anunciou que abrirá unha rolda de contactos cos presidentes provinciais do partido para saber que pensan as bases nos distintos territorios. Até agora só Manuel Baltar, do PPdeOU, se ten pronunciado abertamente por unha das opcións en liza, en concreto por Santamaría. Cumpre lembrar que Casado non se impuxo en nengunha das circunscricións galegas —no conxunto delas gañou Cospedal—, en tanto que Soraya se apuntou o feudo ourensán.

Fin da cuestión. O PPdeG portanto non se posicionará en bloque a favor de ninguén, o que obxectivamente é un triunfo da candidatura sorayista. Se algo temía a ex vicepresidenta é o apoio explícito de Feixóo a Casado.

Segundo anticipou Sermos no seu día, por volta de 40 por cento da delegación galega ao Congreso vai votar a prol de Santamaría. Esa percentaxe mesmo podería ser maior ao se ir confirmando a posición formalmente neutral de Feixóo.

Feixóo di agora que sería unha falta de respecto intentar condicionar a opinión dos...
comentarios