SESIóN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Feijóo acusa BNG e AGE de “deteriorar a sanidade pública” pola súa denuncia da xestión do HAC

O presidente defendeu no Parlamento o proxecto do novo hospital de Vigo e evitou calquera auto-crítica. Francisco Jorquera (BNG) reprochoulle que “ninguén en tan pouco tempo fixo tanto dano” á sanidade pública como el, e Yolanda Díaz (AGE) responsabilizouno do “caos” na sanidade.

[Imaxe: Feijóo]
photo_camera [Imaxe: Lavandeira]

O novo hospital de Vigo centrou esta cuarta feira a sesión de control ao presidente no Parlamento, unha cuestión na que máis unha vez Núñez Feijóo evitou facer a mínima auto-crítica dun proxecto que acumula críticas e denuncias de profesionais, doentes e colectivos e organizacións sanitarias. “A sanidade pública é o primeiro obxectivo deste goberno”, afirmou o presidente perante as interpelacións de BNG e AGE sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). Acolléndose á máxima de que a mellor defensa é un bo ataque o mandatario mesmo acusou nacionalistas e AGE de “deteriorar a sanidade pública”. As críticas ás carencias e deficiencias do novo centro son para Feijóo unha estratexia para “desprestixiar” a sanidade galega e a política sanitaria da Xunta. “Se queren seguir a deteriorar a sanidade pública de Vigo, alá vostedes”.

Jorquera emprazou o presidente da Xunta a “baixar ao mundo real” e escoitar o que día tras día están a dicir profesionais e usuarios do HAC. “O que ía ser a súa gran obra é unha gran estafa”, dixo o portavoz parlamentar do BNG. “Ninguén en tan pouco tempo fixo tanto dando á sanidade pública como vostede”, engadiu.

“Seguimos agardando que exixa a demisión de Baltar”, díxolle Jorquera ao presidente. Núñez Feijóo gardou un absoluto silenzo sobre este asunto

Yolanda Díaz afirmou que “privatizar a sanidade pública” é “causa de mortes no noso país” e díxolle a Núñez Feijóo que “o seu proxectro estrela (HAC) é un caos”. O mandatario recriminoulle que “dá pánico oíla falar” e citou en varias ocasións a situación dun hospital de Asturies, territorio onde “están vostedes”, dixo en referencia a responsabildiades de goberno de Izquierda Unida. Acabou a súa quenda Feijóo enlamando o campo: “Vostede é de IU ou de Podemos?”, preguntoulle a Yolanda Díaz, á vez que lle recriminaba o non ter defendido a Garzón -candidato de IU para o 20-D- perante os ataques de Podemos. “Se non defende nin os seus, como vai defender a sanidade pública?”

Baltar

Non faltou na sesión de control a referencia ao presidente da Deputación de Ourense, acusado por unha muller de ofrecer traballo a cambio de sexo. “Seguimos agardando que exixa a demisión de Baltar”, díxolle Jorquera ao presidente. Núñez Feijóo gardou un absoluto silenzo sobre este asunto.

Comentarios