SESIóN DE CONTROL NO PARLAMENTO

Feijóo apón o absentismo nas reválidas a unha “estratexia de boicote e confrontación”

O presidente afirma que o 90% dos centros tomaron parte nas probas e acusa o BNG de “mentir ás familias galegas” e “facer proxelitismo” nas aulas, Ana Pontón -na súa estrea na sesión de control a Feijóo- emprazouno a escoitar a comunidade educativa e abandonar a “sumisión a Rajoy e a Madrid”.

Feijóo parlamento

Para o presidente da Xunta, o absentismo rexistrado na Galiza ás reválidas é froito do engano no que viven os pais e nais dos alumnos polas mentiras dos que promoven “unha estratexia constante de boicote e confrontación”. Así respondeu Núñez Feijóo na sesión de control parlamentar á pregunta formulada por Ana Pontón, que estreaba portavocía parlamentar do BNG. A nacionalista lembrou que Galiza estivo á cabeza do Estado en oposición ás reválidas e parabenizou a comunidade escolar por esta resposta. “Están do lado do ensino público e de calidade mentres vostede estáo da Lomce”, reprochoulle Pontón, que augurou que “non vai aprobar a reválida” das eleccións galegas. Emprazouno a escoitar “o Consello Escolar da Galiza” e a non se poñer “de perfil” perante os problemas. “Deixe de ser sumiso a Rajoy e Madrid”, instou, ao tempo que lle pedía a que exercese, “aínda que sexa neste minuto de prórroga”, como presidente de Galiza e defendese o seu autogoberno fronte á Lomce.

Feijóo optou na resposta por acusar o BNG de “mentir” e dixo que o 90% dos centros e 60% do alumnado participaron nas probas. O absentismo debeuse, mantivo, a unha campaña na que se “mentiu as familias galegas” sobre o que significaban as reválidas e a unha “estratexia constante de boicote e confrontación”. Nesta liña, afirmou que “hai cantidade de Anpas” que pensaban que esta proba era cualificatoria, unha idea que foi “alentada”, dixo, polos opositores a estes exames.

Sáhara

O Sáhara e a recente prohibición de entrada polo goberno marroquino no territorio a unha delegación parlamentar galega tamén estivo presente no debate, da man de Chelo Martínez, do Grupo Mixto. Feijóo defendeu a política cara ao Sáhara desenvolvida polo seu goberno e centrada en políticas de cooperación e apelou á prudencia ao tratar este conflito. Martínez expuxo a gravidade da situación que atravesa o pobo sahariano e solicitou unha maior implicación

Primarias

O PSdeG, por boca de Méndez Romeu, reprochou a Núñez Feijóo “abrir a billa das subvencións” en ano electoral após sete exercicios de recortes “constantes”. Afirmou que nestes 2 mandatos de gobernos do PPdeG suprimírase o 9% do gasto social, o que equival a uns mil millóns de euros. “Deixa un país arrasado”, reprochoulle Romeu, que o acusou de “sobrarlle ideoloxía” neo-liberal.

O presidente, na súa quenda de resposta, optou por meter o dedo no proceso de primarias que están a realizar no PsdeG e preguntou ao candidato se ía “gobernar coas marés de Podemos”.

Comentarios