Feijóo afirma que Galiza é o territorio de onde menos mocidade emigrou coa crise

O presidente da Xunta di que foi durante “o bipartito” cando máis xente marchou.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP

“Somos a comunidade de onde menos mozos saíron” porcentualmente durante a recesión económica. Así o dixo o presidente da Xunta na súa comparencia parlamentar para responder as preguntas da oposición. Ana Pontón preguntáralle pola destrución de empregos no seu mandato e a marcha de milleiros de galegos, nomeadamente mozos, cara á emigración. Feijóo recorreu unha vez máis ao comodín do “bipartito” para asegurar que se emigraba máis daquela e que entre 2009 e 2015 veu más xente traballar a Galiza da que marchou fóra. “Galiza avanza, co BNG, sen o BNG ou a pesar do BNG, mais avanza”, concluiu o presidente.

A portavoz nacionalista sinaloulle que “os dados estropean a súa propaganda” e puxo como exemplo as “políticas destrutivas” do PP en sectores como o naval, o agro ou o I+D+i. “En Galiza as cousas non están ben para a maioría da poboación”, afirmou Pontón.

“Ademais da crise, tivemos o agravante de ter que aturar a Feijóo”

Antón Sánchez (AGE) interpelou o presidente sobre as súas críticas aos profesionais sanitarios que denunciaron a política da Xunta a respecto da hepatite C. Dixo que as declaracións foran “propias dun matón” (polo que foi chamado á orde polo presidente en 2 ocasións) e pediulle ao presidente galego “humildade”. Feijóo defendeu a política da Xunta en hepatite C e púxoa como exemplo no Estado.

Sánchez tamén acusou Feijóo de mentir cando falaba de datos de emprego e lamentou que “en Galiza ademais da crise tivemos o agravante de ter que aturalo a vostede”.

“Vostede non coñece a realidade”

A portavoz parlamentar do PSdeG enumerou catro casos de persoas reais que sofreron en si propias ou nos seus familiares as consecuencias das políticas de recortes en educación, sanidade ou lei de dependencia. “Queremos gobernos que melloren as vidas das persoas, e eses gobernos non están nesas bancadas”, manifestou Patricia Vilán. Feijóo retrucoulle que “nunca estarei nun goberno que non gañe as eleccións” e defendeu as súas políticas de emprego e sociais.

Comentarios