CULTURA

Fasero admite que censurou o acto do Día do Teatro en Compostela ''polo contido''

O director da Agadic ve normal o seu proceder, mentres o BNG cualifica de ''gravísima'' a súa declaración e sinala que é ''contraria a calquera principio democrático''. Piden a súa dimisión

O director da Agadic --Axencia Galega das Industrias Culturais--, Juan Carlos Fernández Fasero, recoñeceu finalmente que houbo censura no acto organizado pola Plataforma das Artes Escénicas no Salón Teatro de Santiago con motivo do Día do Teatro e asumiu a decisión como algo normal debido "ao contido" do acto.

A deputada do BNG Ana Pontón cualificou de "gravísimas" estas afirmacións, "contrarias a calquera principio democrático", e afirmou que "por dignidade" o propio Fasero debería presentar a súa dimisión. Do contrario, a formación frontista demandaráa formalmente en sede parlamentaria. "Vostede está desacreditado para seguir á fronte do seu cargo e evidencia coa súa actitude que a involución democrática deste goberno, sobre todo no que atinxe á cultura do noso País, é máis grave aínda do que nos parecía".

Para a parlamentar, non é de recibo "a frialdade" coa que Fasero asumiu a prohibición do acto do Día do Teatro, que están en sintonía coas palabras do conselleiro de Cultura cando dixo que "os teatros non están para actos reivindicativos". A xuízo de Pontón, tales verbas "son máis propias dun ministro franquista que dun membro dun goberno democrático", ao que o director do Agadic respostou que foi o PP "quen lle devolveu a liberdade á cultura e aos artistas galegos".

Aproveitando a pregunta, Pontón lembrou as tres explicacións dadas sobre o cesamento da anterior directora do CDG, Blanca Cendán, "en represalia por autorizar o acto censurado", e espetou a Fasero que ten tamén "un problema de credibilidade". Así, díxose desde a Consellería de Cultura que non se farían públicos os motivos, despois falouse de que levara a cabo unha "mala xestión" --o novo director do Centro Dramático, Manuel Guede, declarou que a xestión de Cendón fora "nefasta" e que o seu contrato non se realizara a través dun concurso público-- e finalmente que había "un problema de interlocución" co sector.

"Compartir estas palabras --en referencia ás declaracións de Guede-- é como dicir que nos mentiron durante tres anos", dixo Pontón, quen lamentou que o futuro do CDG siga a ser "unha incógnita" ao non existir ningunha produción propia programada a día de hoxe, "e nunca aconteceu unha crise como esta no teatro institucional".

Comentarios