mércores 19/01/22

Fan PCR a fotógrafos e xornalistas da Coruña por Feixoo e Casado iren sen máscara

A sexta feira, nun acto no monte de San Pedro (A Coruña), Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado saíron sen máscara para facer un posado coa cidade herculina de fondo, até que alguén do seu equipo lles advertiu que a puxesen para a fotografía. O gabinete de prensa do partido pediu aos gráficos que non divulgasen as imaxes. 
Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo saíron do restaurante sen máscara, no monte de San Pedro, A Coruña. (Foto: Nós Diario)
Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo saíron do restaurante sen máscara, no monte de San Pedro, A Coruña. (Foto: Nós Diario)

Durante este domingo, varios xornalistas e fotógrafos foron chamados para realizaren a proba PCR, algúns durante esta mesma xornada e outros no día de hoxe.

Segundo revela un deles a Nós Diario, o nexo en común é estaren a traballar nun acto organizado polo Partido Popular na Coruña a pasada sexta feira 18 de decembro: "Galicia: máis investimentos, menos impostos”.

Neste lema encadrábase a visita de Pablo Casado, líder do PP do Estado, á Galiza, na semana na que Alberto Núñez Feixoo conmemoraba os primeiros 100 días do seu cuarto mandato á fronte da Xunta.

Os dous políticos protagonizaron unha escena curiosa nas inmediacións do restaurante enclavado no monte de San Pedro, no que tivo lugar unha comida de celebración previa ao acto.

Feixoo e Casado, para facer un posado coa cidade herculina de fondo, saíron do xantar sen a máscara, conta un dos asistentes a 'Nós Diario'

Feixoo e Casado, para facer un posado coa cidade herculina de fondo, saíron do xantar sen a máscara, conta un dos asistentes a Nós Diario. Logo, alguén do seu equipo advertiulles que puxesen este elemento de protección (e de uso obrigatorio) para tirar as imaxes.

"Despois, tanto xente de prensa do PPdeG como responsábeis de protocolo de Casado foron dicindo a fotógrafos e cámaras que non pasasen esas fotografía deles sen máscara", engade esta fonte.

Após este comportamento pouco responsábel por parte dos dous políticos, a chamada a facer a PCR quer dos xornalistas quer doutros cargos do partido, está vencellada ao positivo en Covid-19 de Rosa Quintana, conselleira de Mar da executiva de Feixoo.

O pasado sábado comunicaba esta nova, dicindo a través do seu perfil de Twitter que se atopaba "ben" e que era "asintomática". Aseguraba igualmente que "seguindo os protocolos de saúde pública, os contactos máis estreitos están a ser avisados e supervisados".

O PPdeG, consultado por Europa Press, enmarcou as citas no "protocolo convencional" que segue o sistema sanitario para "identificar contactos" dun positivo e evitar que se produzan contaxios.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Fan PCR a fotógrafos e xornalistas da Coruña por Feixoo e Casado iren sen máscara
comentarios