A falta de explicacións de Baltar fai demitir o Comité de Ética da Deputación

Coidan "inoperante" a súa función após o presidente da institución achegar unha resposta que non foi "áxil" nen "convinte", segundo o órgao. Nós, Candidatura Galega en Ourense exixe a demisión de José Manuel Baltar. 

José Manuel Baltar
photo_camera J.M. Baltar [Deputación de Ourense]

As catro persoas que conforman o Comité de Ética da Deputación provincial de Ourense acordaron en sesión extraordinaria presentar a súa demisión. Así o decidiron após reunírense para abordar a denuncia presentada por unha veciña contra José Manuel Baltar na que acusa o presidente da institución de terlle ofrecido un posto de traballo a cambio de sexo. 

A cuestión foi levada perante o órgao ético por un deputado do PSOE e admitida a trámite polo comité que solicitou explicacións ao presidente da Deputación. Baltar respostou remitindo un escrito mais neste, o xefe do executivo provincial, "non admite mais tampouco nega a realidade dos feitos", aseguran na acta da xuntanza. 

Na mesma, o comité subliña o "alcance social e mediático" dos feitos denunciados e entende que as respostas encamiñadas por Baltar "non" son "satisfactorias". 

Así pois , as catro persoas que o conforman aseguran que reclamaban "unha resposta clara e contundente" que non obtiveron mais que, din, cumpriría dar "nun ámbito político". 

Desde que se fixo pública a denuncia presentada por unha ex-traballadora da Deputación, xunto coas gravacións que a acompañan, José Manuel Baltar rexeitou comparecer publicamente para dar a súa versión dos feitos. Neste senso, mesmo chegou a non se presentar a un pleno extraordinario que o seu grupo aceptara inicialmente para abordar a cuestión

"Tócalle demitir a Baltar"

Doutra banda, desde NÓS, Candidatura Galega exixiron a demisión do presidente da Deputación províncial após ter coñecemento da demisión en bloque do Comité de Ética. Aliás, reclama que se fagan públicas "de inmediato" as razóns polas que se produce a saída das persoas que integran o órgao, o que "evita que o comité se pronuncie". 

Así mesmo, entenden que "a Manuel Baltar xa non lle quedan máis escapatorias politicas" polo que "lle toca demitir a Baltar". 

Comentarios