A falta de autonomía de EU imposibilita o acordo coas forzas nacionalistas

Concluíron sen acordo as conversas entre nacionalistas e esquerda estatal. Non haberá mobilizacións conxuntas. A clave estivo na dependencia de Esquerda Unida a respeito dos acordos xa adoptados pola súa dirección madrileña. Anova posicionouse con EU.


O encontro entre as forzas políticas soberanistas galegas e a esquerda estatal non podía producir resultados positivos porque -de acordo con diversas fontes consultadas por Sermos Galiza- as posicións de partida apenas se foron modificando durante as dúas sesións de conversas, decorridas entre esta cuarta e esta quinta feira.

Nas conversas tomaron parte BNG, Compromiso por Galicia, Nós-UP, Causa Galiza, Anova, Espazo Ecosocialista e Esquerda Unida.

As forzas soberanistas galegas defenderon en todo momento un calendario de mobilizacións e unha táboa reivindicativa propia, pondo o acento no dereito de Galiza a decidir. En troca, Esquerda Unida mostrou en todo momento o seu compromiso coas mobilizacións programadas por IU no conxunto do Estado. Para EU, era irrenunciábel convocar manifestacións en Galiza o sábado -como vai facer a esquerda republicana española en Madrid- e facelo baixo o lema Referendum Xa. O soberanismo galego, por súa parte, postulaba a realización dunha marcha nacional este domingo baixo a palabra de orde Galiza pola República. Polo dereito a decidir.

A síntese foi imposíbel. "No fondo, a dialéctica real está entre os que defendemos a República Galega e os que defenden a III República española", afirmou unha forte soberanista en declaracións a Sermos Galiza.

Convocatoria estatal

Anova -representada por Beiras- acabou posicionándose cos seus socios de AGE. Comezou esta rolda de conversas -encetadas a cuarta feira e concluídas a quinta- coa asunción formal das propostas do BNG -marco galego de mobilizacións, convocatoria sen siglas, faixa portada por cidadáns non coñecidos, discurso lido por unha persoa de consenso. Mais paseniñamente se foi aliñando con EU, co argumento de que xa existía un calendario de mobilizacións "en marcha". De feito, Anova apoiou unha convocatoria de IU a escala estatal -á que estaban chamadas diversas forzas políticas- para demandar un referendo sobre a República. A esa convocatoria -decorrida esta quinta feira en Madrid e saldada coa chamada Declaración do Ateneo- non acudiron, embora si foron convidadas, nen ERC nen Podemos. Non foron convocados nen BNG nen Bildu.

"No fondo, a dialéctica real está entre os que defendemos a República Galega e os que defenden a III República española"

En realidade, as posicións expresadas por EU nas conversas coas forzas políticas soberanistas galegas foron moi esclarecedoras a respeito do marco en que esta organización quer xogar a partida da hipotética ruptura co réxime de 1978.

Segundo puido saber Sermos Galiza, o secretario xeral do PCE en Galiza, Carlos Portomeñe, afirmou -nun momento da reunión decorrida a cuarta feira- que, embora el milita nun partido que desde os anos 20 do pasado século defende o dereito de autodeterminación, este dereito no actual contexto político "non suma, senón que resta" á hora de convocar xente para producir un cambio político.

Así as cousas, o nacionalismo galego prepara actos a prol da abertura dun proceso constituínte que coloque a Galiza como suxeito soberano. Actos que se realizarán nos próximos días, antes de a vindeira cuarta feira se debater no Congreso a Lei de Sucesión que permitirá a entronización dun novo Borbón como xefe do Estado español.

Comentarios