Falece Julio Anguita aos 78 anos unha semana após sufrir un infarto

Foi candidato de Izquierda Unida á Presidencia do Goberno español, levando a coalición a obter os seus mellores resultados electorais nas xerais de 1993 e 1996.

EuropaPress_3066589_julio_anguita_foto_archivo_europa_press
photo_camera Julio Anguita, nunha foto de arquivo (Europa Press)

Julio Anguita, histórico dirixente de IU, faleceu neste sábado, 16 de maio, con 78 anos de idade despois de que ser ingresado hai unha semana en estado crítico tras sufrir unha parada cardíaca.

Fontes sanitarias informaron de que o pasamento de Anguita produciuse pasadas as 11 horas na UCI do Hospital Raíña Sofía de Córdoba, onde permaneceu ingresado durante a última semana.

Anguita sufrira previamente varios ataques ao corazón que o levaron a ser intervido cirurxicamente en dúas ocasións. O primeiro infarto sufriuno en 1993 tras o que publicou o libro Corazón rojo. La vida después de un infarto'.

Anguita era licenciado en Historia Moderna e Contemporánea pola Universidade de Barcelona e exerceu a docencia tanto na educación primaria como na secundaria.

Ingresou en 1972 no Partido Comunista de España (PCE), do que sería secretario xeral, e en 1977 accedeu ao Comité Central do partido en Andalucía (PCA). Nas eleccións municipais de 1979 foi o candidato do PCE á Alcaldía de Córdoba, cargo que alcanzou e ostentaría até 1986.

Deputado no Parlamento andaluz durante as dúas primeiras lexislaturas, foi candidato á Presidencia da Junta de Andalucía en 1986 á fronte da coalición Izquierda Unida, que se estreou como marca electoral neses comicios autonómicos logrando 19 escanos.

En febreiro de 1989 foi elixido secretario xeral do PCE e un ano despois converteuse en coordinador xeral de IU, con quen foi candidato á Presidencia do Goberno español, levando a coalición a obter os seus mellores resultados electorais nas xerais de 1993 e 1996, ano en que alcanzou 10% dos votos e 21 deputados no Congreso.

Comentarios