martes 25.02.2020

Falece Cacharro Pardo

O que foi polémico presidente da Deputación de Lugo polo PP durante case un cuarto de século morre aos 78 anos. 

O ex-presidente da Deputación de Lugo Francisco Cacharro Pardo faleceu este domingo aos 78 anos de idade. O político lugués, que dirixiu o organismo provincial entre 1983 e 2007, arrastraba problemas de saúde polos que permanecía ingresado nun Hospital de Lugo.

Cacharro Pardo abandonara a primeira liña política logo de ser un dos grandes baróns do Partido Popular galego, xunto a Manuel Baltar, durante a época de Manuel Fraga na presidencia da Xunta, dentro do sector máis rural do partido, o chamado "da boina" enfrontado ao urbanita e aínda máis pendente das ordes de Madrid, coñecido como "birrete" e ao que era máis próximo Alberto Núñez Feijóo da man de Romay Beccaría. 

Nos últimos anos a traxectoria de Cacharro estivo marcada pola imputación na Operación Muralla, que motivou que o fiscal pedise unha pena de tres anos de cárcere para o político e o seu inhabilitación para exercer cargo público durante dez anos por un delito continuado de prevaricación, unha causa despois sobreseída. Con todo, durante a súa carreira política a oposición sempre lle acusou de prácticas clientelares.

comentarios