Falece Alfredo Pérez Rubalcaba, ex vicepresidente español e ex secretario xeral do PSOE

Aos 67 anos de idade. Esta cuarta feira sufriu un infarto cerebral. Formacións políticas españolas expresaron o seu pesar pola morte de Rubalcaba e anunciaron que suspendían os actos electorais da tarde desta sexta feira.

O ex vicepresidente español e ex secretario xeral do PSOE Alfredo Pérez Rubalcaba faleceu esta sexta feira nun hospital madrileño após sufrir esta pasada cuarta feira un ictus. A noticia foi dada ás portas do hospital polo seu ex xefe de gabinete.O último parte do hospital sobre o seu estado de saúde era desta quinta feira e apontaba a un desenlace tráxico: “Extrema gravidade”, dicía.

A capela instalarase no Congreso dos Deputados. Ademais, o PSOE instalará unha mesa de condolencias na súa sede na Rúa Ferraz de Madrid.

Militante do PSOE desde 1974, a súa actividade no goberno español comezou en 1982 cando, no primeiro goberno de Felipe González, foi nomeado director do gabinete técnico da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación. Nos anos a seguir foi ascendendo até ser en 1992 ministro de Educación e Ciencia, desde onde impulsou a Logse.

Ao longo da súa carreira política, Rubalcaba foi deputado por Toledo, Madrid, Cantabria e Cádiz. Cando o PSOE volveu ao Goberno en 2004 con Rodríguez Zapatero, foi portavoz parlamentar até 2006 e en 2010 foi ministro de Vicepresidencia.

Os líderes dos principais partidos españois expresaron o seu pesar polo falecemento e transmitiron á familia e o PSOE as súas condolencias. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, cualificou Rubalcaba de "home con visión de Estado" e lamentou a súa perda.

Comentarios