FRANCISCO JORQUERA, PORTAVOZ PARLAMENTAR DO BNG

“Facer grupo parlamentar propio non o ten que autorizar ninguén desde Madrid”

Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, puxo de manifesto que para constituír un grupo parlamentar propio non é necesaria autorización ningunha desde Madrid. Lembrou que simplemente é necesario obter cinco parlamentares e o 15% dos votos.

Jorquera
photo_camera Jorquera

En relación ás declaracións de Íñigo Errejón, líder de Podemos, sobre o “subgrupo” parlamentar, Jorquera salientou que “facer un grupo parlamentar propio non o ten que autorizar ningún grupo de Madrid”. “Podemos non necesita activar ningún mecanismo”, apuntou nunha entrevista concedida á Radio Galega, para lembrar que unha candidatura galega soberana pode conformar un grupo parlamentar propio se obtén cinco deputados e deputadas e o 15% dos votos.

Así, Jorquera dixo non entender a fórmula presentada por Podemos, “parece que quere dicir que están disposto s a que dentro do seu grupo parlamentar haxa un espazo galego, outro valencián…”. “O que quere o BNG é un grupo parlamentar propio, sen ningún tipo de sucedáneo”, engadiu. Tamén advertiu da importancia de que o grupo parlamentar sexa “soberano”, teña “o centro de decisión en Galiza” e actúe con independencia de criterios.

"Imos manter a man tendida até o final para facer posíbel unha candidatura galega de unidade na que participen todos os que queiran sumarse"

Ademais, o parlamentar nacionalista insistiu na importancia de “non botarse a durmir”. “Mañá disólvense as Cortes e convócanse as eleccións”, lembrou, e o BNG está “disposto a dar pasos para que nas eleccións xerais haxa unha candidatura galega de unidade con todos os colectivos e as persoas interesadas en participar neste proxecto”. “Imos manter a man tendida até o final para facer posíbel unha candidatura galega de unidade na que participen todos os que queiran sumarse”, sinalou.

Preguntado polas declaracións da coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, sobre o Bloque, Jorquera contestou que “ese tipo de actitudes non son o mellor xeito de construír a unidade”. Lembrou que “cando o BNG fixo a oferta responsábel e xenerosa, Yolanda Díaz dixo que o BNG tiña que botarse para un lado porque iso había que construílo desde a base e, ao mesmo tempo, estaba facendo de anfitroa en Galiza de Pablo Iglesias e tendo reunións ao máximo nivel con el”. “É un modo curioso de construír unha candidatura galega”, engadiu. Tamén aludiu ao preacordo asinado entre Anova, EU e Podemos de cara ás eleccións xerais “cando se dicía o de construír pola base” e á decisión do Encontro cidadán por unha Marea Galega de non confluír con Iniciativa pola Unión nunha mesma plataforma.

Comentarios