Facenda trata de ''defraudadores fiscais'' @s emigrantes que retornaron á Galiza

A Axencia tributaria reclámalles que declaren as cantidades percibidas en concepto de 'pensión no estranxeiro'. O Bloque revólvese contra esta campaña "de persecución" e exixe non só que se paralicen todos os expedientes abertos senón que se lles devolvan os cartos ás persoas que xa pagaron

photo_camera Tereixa Paz [Imaxe: BNG]


A Axencia tributaria iniciou varios expedientes contra emigrantes que retornaron á Galiza en que lle impón a obriga de acreditaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de 'pensión no estranxeiro', se ben os requerimentos afectan tamén os tres anos seguintes, 2009, 2010 e 2011. 

Nunca lles foi notificada tal obriga

O acontecido vén de o denunciar a deputada do Bloque Tereixa Paz, quen denunciou o tratamento que Facenda está a dispensar a estas persoas ao as tratar, dixo, "como defraudadores fiscais". Explicou a nacionalista que o colectivo "non recibiu nunca notificación algunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro". 

Non só iso, senón que citou sentenzas que @s eximen da obriga de declarar perante Facenda polas cantidades devengadas no tempo que botaron fóra do País e recordou que @s pensionistas non están obrigad@s a presentar declaración da renda se os seus ingresos non superan os 22.000 euros. As persoas afectadas recibiron entre 12 e 16 mil euros ao ano en virtude desta prestación. 

Un procedemento ''escandaloso''

A actuación do Goberno español foi cualificada por Paz de "escandalosa". Segundo dixo, foi en febreiro cando @s emigrantes que voltaron á Galiza están a recibir os requerimentos, coa posibilidade de aprazar o pagamento baixo a condición de que Facenda cobre a suposta débeda con intereses. "E ao mesmo tempo aos verdadeiros evasores fiscais se lles conceden amnistías", denunciou a nacionalista. 

Por todo o sinalado, o Bloque exixe a paralización desta persecución emprendida contra as pensións "de quen foi traballar ao estranxeiro perante a imposibilidade de o facer na súa Terra", así como a devolución de todo o diñeiro abonado por aquelas persoas que xa pagaron a Facenda.

Mocións en contra na Galiza e en Madrid

Para tal finalidade, Tereixa Paz anunciou que a formación frontista presentará ao respecto senllas iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso español. Así mesmo, chama á encetar unha campaña informativa para que @s emigrantes retornad@s coñezan as súas obrigas fiscais aplicando a lei desde o ano 2012, sen carácter retroactivo.

Tereixa Paz acusou ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, de usar o colectivo de emigrantes retornad@s para "vender" unha campaña contra o fraude fiscal. Namentres, nunha entrevista realizada pola axencia de noticias Europa Press ao presidente de Gestha (sindicato do persoal técnico de Facenda), Carlos Cruzado, este sinalou directamente cara ás "grandes fortunas e grandes empresas" como obxectivo das medidas impositivas que debe promover o Goberno, queixándose de que até o de agora aquelas "recaeron sempre sobre a mesma porcentaxe de contribuíntes, os traballadores". 

Comentarios