Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG

"Se facemos caso das teses de Feijóo, non cómpre mudar nada"

O portavoz do Partido Socialista iniciou a súa intervención en liña coa súa estratexia dos últimos meses e lembrou a "clarísima colaboración institucional" do PSdeG coa Xunta na fin de semana dos incendios. Mais axiña pasou á ofensiva. Afeou o olimpismo co que Feijóo despachou a actuación do seu Goberno o 15 de outubro e tildou de "cortina de fume" a estrambótica tese do "terrorismo incendiario".
 

Leiceaga. Debate de investidura Feijóo. 10 de novembro de 2016
photo_camera O portavoz do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceeaga, no Parlamento. Foro: cedida.

"Se a Xunta, tal e como se deduce da súa comparecencia, fixo todo o que había que facer, non cómpre mudar nada e cando concurran as mesmas circunstancias volverá pasar o mesmo", expuxo Xaquín Fernández Leiceaga, "de dúas, unha: ou estaba todo perfecto, ou deixaron de facer o que había que facer durante oito anos". Para Leiceaga, os sucesos de outubro foron en realidade unha sucesión de fracasos.

"Fracasaron na fixación de poboación rural, na ordenación forestal, na xestión forestal en terreos privados, na preservación de espazos naturais, na resposta rápida ao lume, na prevención", apurou. E anotou que, desde inicios do pasado mes, a Xunta estaba avisada de que a situación "podía ter consecuencias catastróficas". O líder socialista no Hórreo rematou coa petición de responsabilidades: "Cese a conselleira e o director xeral e logo faga os cambios necesarios".  

Comentarios