Pinchan as convocatoria para importar a Galiza o movemento 'rojigualdista' do Barrio de Salamanca

Estes días, e no ronsel das cazoladas iniciadas no Barrio de Salamanca, tamén en Ourense ou A Coruña a dereita saíu á rúa, con escaso éxito de convocatoria. Vox chama a unha caravana “por España y la Libertad”, que tamén ten cita en varias cidades galegas. 

cacerolada na coruña
photo_camera (FB Cacerolada na Coruña)

En Ourense as persoas que se concentraron con bandeiras españolas e ao berro de “Libertad!” contábanse cos dedos dunha man. Na Coruña a afluencia a unha protesta con epicentro en María Pita e convocada por redes sociais foi maior, algunhas ducias de persoas, que despois marcharon pola Rúa Real, non sempre mantendo a distancia social. 

O movemento xurdido no Barrio de Salamanca, inzado de bandeiras españolas e cazoladas para pedir a dimisión do Goberno estatal, vai estendéndose aos poucos por todo o Estado, se ben con repercusión desigual.

Na Galiza, polo de agora, o poder de convocatoria é minoritario. Estas mobilizacións prodúcense no limiar das caravanas que Vox convoca en todo o Estado e que tamén se desenvolverán en varias cidades galegas, como A Coruña, Vigo ou Ourense.

Eses actos decorrerán baixo o lema 'Caravana por España y su libertad' inciden no marco do discurso que a dereita está a impulsar desde hai varias semanas de que o Goberno español é responsábel de miles de mortes polo coronavirus.

"Fascismo nunca máis"

Nas últimas horas, e a través das redes sociais están a abrollar diferentes iniciativas para mostrar o rexeitamento a esas convocatorias de Vox. Unha delas é a de Causa Galiza, que impulsa "umha iniciativa simbólica", para denunciar "a presença do fascismo nos espaços públicos". Convida a pendurar "cartazes em janelas, portais, bairros e varandas com a legenda Fascismo Nunca Mais".

Comentarios