A extinción de incendios, un negocio lucrativo?

O desmantelamento dos servizos de prevención e a progresiva privatización dos de extinción xeran importante volumes de diñeiro vencellados ao lume.

Ministerio de Agricultura
photo_camera [Imaxe Ministerio de Agricultura]

Existe unha economía do lume?, preguntamos a Manoel Anxo García Torres, da CIG-Verín. "Non se pode falar dunha relación directa da economía do lume e dos incendios porque entón estariamos a dicir que os prende o goberno", explica. Porén, o que si existe, afirma, son "consecuencias directas da súa política" que "producen que o monte arda". 

Este sindicalista revisa os dados achegados polo Pladiga 2015 e dos concursos de licitación da contratación de avións. Botando man deles, explica os rendementos económicos que se tiran das aeronaves de extinción. 

17 avións de extinción, 486 postos de traballo en prevención

"A Xunta de Galiza ten operativos 32 helicópteros e avións, o seu custe aproximado, durante mil horas, é de 6.400.000 euros", sinala. Cada aeronave ten un custe de 200 euros por cada hora non extraordinaria que en mil horas se traducen en 200.000€. Por 32 aeronaves: 6.400.0000€. 

"Co custe de 32 aeronaves poderíanse contratar no inverno, durante mil horas (7 meses laborais) 864 traballadoras e traballadores" dedicados a tarefas de "prevención"

Este servizo foi privatizado coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta de Galiza. "É o mesmo que se a unha patrulla da policía cada vez que sae de ronda pola noite tiveran que sacar a concurso o vehículo", compara. "Isto é o que permite que haxa a quen lle interese que [o monte] arda" e iso, acrecenta, "que tiramos as contas á baixa". 

Manoel Anxo García convídanos a facer un pequeno exercicio mental. "O custe dunha hora de traballo dun peón da empresa galega de servizos agrarios S.A. (SEAGA) son 7,40€, por mil horas 7.400€". "Co custe de 32 aeronaves poderíanse contratar no inverno, durante mil horas (7 meses laborais) 864 traballadoras e traballadores" dedicados a tarefas de "prevención". De se "prescindir de 17 dos actuais helicópteros e avións de extinción e con 15 aeronaves disponíbeis poderíanse contratar 460 traballadoras e traballadores para limpar o monte en inverno", apunta. 

"As tarefas de prevención en inverso xerarían emprego no rural, sen falarmos do aproveitamento do monte, só das tarefas de prevención", sinala García Torres. Porén, afirma, "non hai prevención". 

U-la prevención?

En troca, "a Lei de Montes exixe aos propietarios ou as comunidades de montes asumiren as tarefas de limpeza e se non o fan di que deben ser os concellos". Neste senso, lembra, "nas últimas declaracións Feijóo acusou os concellos de non estaren a facer tarefas de prevención mais iso é competencia da Xunta de Galiza". "É esperpéntico", denuncia. 

"Se hai quen saca rendemento, haberá a quen lle interese que arda"

García Torres lembra como a política de prevención e extinción de incendios foi mudando ao longo dos anos. "A política forestal dos '90 baseábase en tres grandes áreas: montes, medio ambiente e defensa contra o lume". Durante o inverno, apunta, "facíanse tarefas de prevención embora tratarse dun traballo en condicións precarias, existían brigadas en cada parroquia". Porén, "isto foi desaparecendo até se xerar, na última etapa do fraguismo, nun "macro-servizo de incendios". 

"Durante o bipartito creáronse estruturas encamiñadas a reverter os incendios", como o Banco de Terras (Bantegal) ou a SEAGA. Mais, sinala, "non lles deu tempo a desenvolvelas". Coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta estes servizos privatízanse. "Isto é o que permite que haxa a quen lle interese o lume" pois, "se hai quen saca rendemento, haberá a quen lle interese que arda". 

Comentarios