A expulsión de 17 militantes de Anova-Redondela agudiza a crise en AGE

Após unha convulsa xuntanza da Coordenadora nacional, a fenda entre os dous grandes polos de Anova fíxose máis visíbel e mesmo podería devir en mudanzas na dirección da formación. O coordenador nacional de organización, Martiño Noriega, estaría mesmo a barallar a súa demisión como número dous. 

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
photo_camera Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]

As diferenzas internas en Anova fixéronse máis evidentes nos últimos días a raíz da expulsión de 17 militantes de Anova-Redondela. E é que as tensións entre @s que defendían a permanencia da militancia e @s que apoiaban a súa saída da formación puxeron en evidencia a existencia de dous grandes polos --a votación resolveuse cun axustado resultado de 39 votos a favor e 35 en contra. 

Neste senso, a corrente de apoio á militancia expulsa de Redondela estaría encabezada polo coordenador nacional de Anova, Martiño Noriega, e o deputado Antón Sánchez. Ambos os dous moi crític@s coa postura do outro sector da formación liderada por Beiras. Cumpre sinalar que @s 17 militantes foron levad@s face a Comisión de Garantías por "suplantación de identidade nas redes sociais" ao as teren empregado en nome da organización de maneira fraudulenta.

Segundo recolle esta cuarta feira o xornal La Voz de Galicia, Martiño Noriega mesmo tería anunciado estar a meditar unha posíbel demisión como coordenador nacional de organización. Decisión que podería adoptar esta mesma sexta feira.

Sermos Galiza tentou contactar, sen conseguilo, co alcalde de Teo e número dous de Anova para recabar a súa versión sobre estes feitos.  

As tensións pairan sobre AGE

Porén, o conflito aberto no seo da formación liderada por Xosé Manuel Beiras vai para alén do acontecido en Redondela e esténdese á propia AGE. E é que Martiño Noriega tería criticado supostamente os paus na roda postos por algunhas das persoas próximas a Beiras na responsabilidade de organización, que asume desde a pasada Asemblea Nacional o propio Noriega. 

Neste senso, o conflito revela unha cuestión de fondo: a existencia de dúas liñas estratéxicas distintas dentro de Anova no que ten a ver coa política de alianzas, e nomeadamente no que atinxe á relación con Esquerda Unida.

Así, a fenda aberta de Anova situaríase entre @s partidari@s non só de re-ditar a coligación senón en afondar nela e enchela de contido propio --por exemplo desenvolvendo actividades públicas baixo as siglas de AGE, como defendían @s militantes que recentemente abandonaron o Encontro Irmandiño en Ourense-- e aquel@s que rexeitan esta opción e priorizan o mantemento da imaxe propia de Anova. 

Comentarios