Expulsan do Pleno o deputado de AGE, David Fernández, por facer unha brincadeira sobre a corrupción no PP

O vice-presidente da Cámara, Miguel Santalices expulsou esta terza feira ao deputado de AGE após tres chamadas á orde en menos de 2 minutos.
David Fernández na tribuna de Convidad@s após ser expulsado do hemiciclo
photo_camera David Fernández na tribuna de Convidad@s após ser expulsado do hemiciclo

Martes de Entroido e debate parlamentar. O deputado ourensán da Alternativa Galega quixo aproveitar a súa quenda de intervención no Pleno que decorre esta terza feira para encetar unha brincadeira propia dunha das datas máis sinaladas do almanaque galego, nomeadamente en Ourense. Porén, o vice-presidente da Cámara, Miguel Santalices chamou até en tres ocasións á orde ao parlamentar por non se estar a centrar no tema obxecto de debate, a proposición de lei presentada polo BNG a prol da dación en pagamento.

Após emitir tres chamadas á orde en menos de dous minutos, o deputado foi expulsado da Cámara. Cuestión que motivou unha cuestión de orde por parte do voceio de AGE, Xosé Manuel Beiras e dos portavoces de BNG e PSdeG quenes acusaron ao presidente en funcións --por ausencia de Pilar Rojo-- de se estar a "extralimitar" nas súas funcións. No entanto, Miguel Santalices recuncou na súa decisión o que provocou a saída do grupo parlamentar da Alternativa da Cámara. 

Neste senso, AGE aseguraba na súa conta de twitter que "Santalices aplica o regulamento parlamentario con lóxica de guerra e os inimigos están, para el e o seu partido, claros". 

Artigo 106 do Regulamento

Após o regreso da presidenta Pilar Rojo ás súas funcións, o voceiro nacionalista deu lectura nunha cuestión de orde ao artigo do Regulamento en que se recollen as sancións impostas desde a presidencia como resposta a un "desorde" na sesión. Francisco Jorquera considerou que o proceder de Miguel Santalices non se correspondía co fixado polo devandito artigo ao non se dar aviso previo ao deputado das consecuencias dunha "terceira chamada á orde", polo que exixíu " a retirada da sanción" en aras "da normalidade da Cámara. 

Tamén así, desde o grupo socialista se demandou a reconsideración da decisión adoptada ao entenderen que a brincadeira a respecto da corrupción no PP que centraba a intervención do relator de AGE "non estaba tan lonxe da cuestión" que acollía o debate ao se trataren ambos os dous temas nun "problema económico e social" existente na realidade, quer os desafiuzamentos quer a corrupción política. 

Un ataque "á soberanía popular" e "á liberdade de expresión"

O grupo parlamentar da Alternativa denuncia que o PP considerou nun comunicado que a expulsión de David Fernández "é un ataque inaceptábel á sobernaía popular" ao considerar o PP, din, "que o Parlamento é da súa propiedade". AGE asegura que a intervención do seu deputado era "humor satírico" enmarcado nas datas de Entroido e rexeitan a decisión adoptada polo vicepresidente Miguel Santalices, cando este ocupaba de maneira temporal as funcións da presidencia. Esta, din, "é unha proba máis de como o PP concibe as institucións" e advirten que "non permitirán" que o proceder d@s populares "impidan que o conflito social e político" que existe nas rúas sexa expulsado "do debate parlamentar". 

 Imaxe da capa: AGE

Comentarios