“A expresión ‘Galiza profunda’ implica unha valoración pexorativa do país”

O Parlamento galego rexeita por unanimidade a expresión “Galiza profunda” usada no auto da xuíza de Marbella. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego (Foto: Parlamento galego).
photo_camera (Foto: Parlamento galego).

A Cámara galega expresou por unanimidade esta terza feira o seu rexeitamento á utilización da expresión "Galiza profunda" para calquera aldea, parroquia, pobo ou cidade galega.

"Este  cualificativo implica unha valoración pexorativa e inxustificadamente negativa do país, que resulta inadmisíbel en calquera contexto máis aínda nunha resolución xudicial", sinala unha declaración institucional que foi pronunciada polo presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, no pleno.

A declaración estivo apoiada polos 3 grupos (PP, BNG e PSdeG) e realizouse a partir dunha proposta do Bloque.

Os grupos da Cámara galega acordaron este texto despois de coñecerse as afirmacións contidas nunha resolución xudicial do Xulgado de Primeira Instancia de Marbella, na que se denomina "Galiza profunda" a a unha vila galega e atribúense limitacións á felicidade e ao desenvolvemento integral dunha persoa por vivir nela.

"Por esta razón, as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza queremos reafirmar o noso orgullo como galegas e galegos e así o expresamos con esta declaración institucional que é, tamén, un acto de dignidade colectiva"

O texto, que deixa claro que ao Parlamento galego non lle corresponde pronunciarse sobre o fondo da cuestión que, en todo caso, "debe priorizar o interese superior do menor", sostén que afirmacións desta índole "mostran un profundo descoñecemento da realidade de Galiza e do pobo galego".

Ademais, apunta que evidencian "enormes prexuízos e estereotipos que nada teñen que ver con este país, no que concorren todas as condicións para un pleno e integral desenvolvemento das persoas". "Resulta sorprendente e  rexeitábel que estes estereotipos aínda atopen eco como ocorre no presente caso", indica.

Neste sentido, considera que "calquera aldea, pobo ou cidade galega é apta para o desenvolvemento dun neno ou nena". "Por esta razón, as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza queremos reafirmar o noso orgullo como galegas e galegos e así o expresamos con esta declaración institucional que é, tamén, un acto de dignidade colectiva", expresa.

Comentarios