As explicacións de Mar sobre a mexilla non convencen a oposición nin o sector

"Vostedes crearon o problema", sinalan BNG e PSdeG.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento galego. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento galego. (Foto: Conchi Paz)

O director xeral de Pesca e Acuicultura da Consellaría do Mar, Antonio Basanta, compareceu onte na comisión de Pesca do parlamento para informar das actuacións desenvolvidas a respecto do 'conflito da mexilla' (cría de mexillón), que enfronta bateeiros e percebeiros. 

Basanta destacou o compromiso da Consellaría para solucionar esta cuestión. Así, lembrou que se aprobaron 15 medidas para favorecer poder ter máis mexilla, como a apertura de 130 quilómetros adicionais de espazos portuarios e costeiros para coller esta cría.

"A Administración galega traballa ademais nun plan de longo percorrido que inclúe unha decena de investigacións por importe de máis de dous millóns de euros para facilitar o acceso ao recurso, a súa captación e a produción en criadeiro", sinalou. Mais as explicacións non convenceron. Nin á oposición nin tampouco a parte do sector mexilloeiro, que xa non considera  o director xeral como "interlocutor válido".

Julio Torrado (PSdeG) lembrou que este problema "non existía, non se deu nunca" e emprazou á Xunta a non "enfrontar" os diferentes sectores. 

Rosana Pérez (BNG) manifestou que neste tema a Xunta leva "anos actuando mal", e que o conflito é responsabilidade "da Consellaría". Para a deputada nacionalista, "máis da metade das medidas que anunciou aquí son propaganda".

Na noite desta segunda feira varias asociacións mexilloeiras acordaron intensificar as protestas e estudan un paro do sector, para alén de considerar que Basanta "non é interlocutor válido".

Por outra parte, a comisión parlamentar aprobou por unanimidade sendas proposicións non de lei, unha do BNG e outra do PSdeG, para crear o Observatorio pola Igualdade no sector pesqueiro.

Comentarios