Exixen que a Xunta faga públicos os contratos de Sanidade con empresas de Marcial Dorado

O PSdeG solicitou amparo á presidencia da Cámara para que a Xunta explique cal é a razón pola que non se fan públicos os contratos desta consellaría coas empresas do narcotraficante arousán. @s socialistas urxen, máis unha vez, a comparecencia de Feijóo no Parlamento

Após sérenlles denegados até en dúas ocasións os contratos da consellaría de sanidade co entramado empresarial de Marcial Dorado, o grupo socilista presentou un escrito de amparo perante a presidencia da Cámara galega para que sexa esta quen exixa á administración pública a remisión da información solicitada. 

Segundo o voceiro parlamentar do PSdeG a negativa do goberno de Núñez Feijóo para facer públicos os contratos da Xunta coas empresas do narco "incide" na estratexia de "supeditación do lexislativo ao poder executivo" procurando "tapar as vergoñas" dun goberno "inoperante e incompetente" denunciou o socialista. 

Losada lembrou que a información requirida non lles foi facilitada porque para a Xunta supón "un volume tan grande" que "non era posíbel xestionala". Neste senso, acoden á presidenta Pilar Rojo para que sexa esta quen vele polos dereitos d@s parlamentares a obter a documentación requirida. Aliás, @s 18 deputad@s do PSdeG exixiron, máis unha vez, "a comparecencia urxente" do presidente da Xunta e da conselleira de Sanidade para explicar "as relacións do entramado empresarial" de Dorado coa administración galega. 

Comentarios