Exixen a mediación da Xunta polo despedimento "político" de Maite Mouriño

BNG
photo_camera [Imaxe BNG]

A deputada do Bloque, Carme Adán, e Maite Mouriño compareceron esta segunda feira perante os medios de comunicación para presentar a iniciativa coa que a organización frontista demandará a mediación da Xunta polo despedimento de Mouriño após facer parte da candidatura nacionalista ás municipais en Pazos de Borbén. 

O despedimento que, aseguran, se debe a "motivos políticos" constitúe unha "clara vulneración dos dereitos das traballadoras e traballadores", sinalou Carme Adán. A nacionalista explicou que tras a decisión da traballadora de participar como número tres na candidatura do BNG ao concello de Pazos de Borbén, un mes máis tarde recibe a carta de despedimento. 

Na entrevista publicada en Sermos Galiza a propia Mouriño explicaba que a misiva que lle foi remitida apuntaba a súa candidatura como motivación. "Alí din claramente que é por ir como número 3 da candidatura. [ESYCSA] tenta enmascarar cunha baixa como cortina de fume mais póñeno con claridade". 

Carme Adán: "O despedimento constitúe unha clara vulneración dos dereitos das traballadoras e traballadores"

Maite Mouriño foi despedida da empresa ESYCSA, pertencente ao grupo ACS, sendo responsábel na Galiza "da área de sistemas de certificación e xestión, auditoría interna e da área de sistemas TIC" e do "control da carteira de novas proxeccións e oportunidades da empresa e a lei de protección de datos", sinalaba na conversa con este xornal. Após 11 anos de traballo fóille comunicado o despedimento argüíndo que, ao estar de baixa por razóns médicas, ao "ir de candidata nun partido político sobreenténdese que vou facer un esforzo que contradí a miña baixa". 

A organización frontista exixe o pronunciamento da Xunta ao respeito por se tratar dunha empresa con concesións públicas. O caso xa foi denunciado por vía xudicial pola propia Mouriño quen presentou unha demanda "por despido nulo por discriminación política". 

Comentarios